A Deputación de Lugo e FADEMUR xuntan forzas para incorporar as mulleres rurais ao autoemprego e ás TIC
martes, 22 de xullo do 2014
Cómpre botar abaixo a idea de que as novas
tecnoloxías só teñen futuro nos ámbitos urbanos. En todo caso,
téñense visto sinais que apuntan ao contrario: onde de certo son
precisas as TIC é nos espazos onde máis risco de despoboamento e
exclusión social existe. Por exemplo no noso rural, unha paisaxe
cada vez máis deshabitada e onde as mulleres só poden ter acceso a
unha mínima parte das oportunidades laborais que se ofrecen nas
cidades. Inverter este proceso na provincia de Lugo é o obxectivo
dunha nova iniciativa tecnolóxica da Deputación, que uniu forzas
coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia
(FADEMUR) para
fomentar a incorporación de mulleres rurais ao autoemprego e ás
TIC.
A iniciativa, que parte dun orzamento de 65.000
euros, foi dada a coñecer polo presidente do órgano provincial,
José Ramón Gómez Besteiro, a vicepresidenta segunda, Lara Méndez,
e as representantes de FADEMUR Rosa Arcos e Verónica Marcos. Segundo
fixeron saber as responsábeis da Federación, unha entidade que
xunta 15.000 socias na comunidade galega, a devandita partida
orzamentaria permitirá proxectar mellor a mensaxe da plataforma,
“dándolle visibilidade á muller do rural ao tempo que se pon en
valor a importancia da economía do rural, arestora desprazada e
inexistente nas estatísticas”. E as estatísticas, din, sinalan
que hoxe en día hai máis de 131.000 mulleres galegas sen traballo,
20.600 máis que hai cinco anos.
Grazas á achega da Deputación, FADEMUR creará
tamén unha páxina web, da que ata o de agora non dispón, e levará
a cabo unha campaña a través das redes sociais para incorporar a
todas as mulleres emprendedoras e darlles visibilidade ás
actividades e produtos artesanais que elaboran.