A Deputación da Coruña anuncia a liberación do software gisEIEL

xoves, 24 de abril do 2008 Marcus Fernández

O deputado responsable da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xoán Cabo, acompañado dos técnicos deste servizo da Deputación da Coruña, explicou as novidades do software gisEIEL

Como se adiantara a pasada semana, a Deputación da Coruña liberará e porá a disposición dos concellos da provincia o software gisEIEL, que é a ferramenta informática que permite a edición, xestión e mantemento da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL).
Xoán Cabo, deputado responsable da área de Cooperación e Asistencia a Municipios, acompañado polos técnicos Francisco Freire e Pedro González, e o profesor da Universidade da Coruña, Miguel Luaces, presentou en rolda de prensa esta liberación de software, que é un paso máis no tratamento da información sobre infraestruturas públicas dos concellos da provincia e todo aquilo que se refira á prestación de servizos para a cidadanía que se ven a manter pola Deputación dende 1986.
O deputado explicou que o proxecto non conta só coa aplicación informática gisEIEL, senón que os técnicos tamén traballaron no desenvolvemento dunha interface web para que os cidadáns poidan consultar a base de datos da EIEL a través da Rede.

Imaxe da aplicación liberada pola Deputación da Coruña

Cabo asegurou que «ata o ano pasado, ambas aplicacións estaban construídas sobre a base de pezas de software comercial; pero en 2006 decidiuse migralas a software libre para aproveitar as potencialidades que esta modalidade de realización do software permite».
Así mesmo, dado que os traballos relacionados coa EIEL se realizan en colaboración coa Universidade da Coruña, o feito de utilizar software libre permite tamén que o alumnado, profesorado e persoal investigador da institución académica teñan tamén libre acceso ao código fonte das aplicacións, permitíndolles estudalas, modificalas e personalizalas, o que abre unhas posibilidades docentes que o software comercial non permite.
Pola súa banda o xefe do servizo provincial de Cooperación e Asistencia a Municipios, Francisco Freire, afirmou que coa distribución do software aos concellos, a Deputación cumpre coas directrices da Unión Europea, que insta ás administracións supramunicipais a elaborar, facilitar e compartir a información de servizos e equipamentos de que dispón cos concellos e á publicación telemática desta a través dun sistema de información xeral integrado. Freire afirmou que a EIEL desenvolta pola Deputación e a Universidade da Coruña é «pioneira a nivel europeo e única en España».
Neste sentido, Pedro González, técnico do servizo provincial de Asistencia a Municipios, salientou algunhas da utilidades desta ferramenta informática que desde hoxe estará a disposición dos 94 concellos da provincia, e que na actualidade serve como base para o desenvolvemento do Plan Estratéxico Provincial, a redacción dos proxectos da Deputación que optan a fondos FEDER, e para a xestión de múltiples actuacións do ente provincial.
Tras a presentación aos medios de comunicación, Xoán Cabo e os técnicos provinciais e da Universidade da Coruña mantiveron unha reunión informativa con técnicos e concelleiras de diversos concellos da provincia para explicarlles con detalle as novidades e utilidades desta ferramenta informática.

PUBLICIDADE