A Deputación da Coruña libera o software gisEIEL e pono a disposición dos concellos

xoves, 17 de abril do 2008 Raquel Noya

Pedro A. González presentando o proxecto GisEIEL durante as VIII Xornadas de Software Libre

O vindeiro día 24 de abril, ás 11:00 horas, a Deputación da Coruña vai proceder formalmente á liberación do código do software gisEIEL e á súa entrega aos concellos da provincia na Sala de Usos Múltiples do Pazo Provincial da Coruña.

Dende que o Goberno central lle esixira ás Deputacións levar a cabo a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos (EIEL), a Deputación da Coruña decidiu ampliar os obxectivos para así abrir a marxe da información a recoller, referenciar os elementos á súa localización ou extensión e construír un SIG coa información recollida. Estes obxectivos acadáronse a través dun convenio coa UDC que a día de hoxe xa deu por finalizada a primeira fase, na que se puxeron en marcha dúas aplicacións: a WebEIEL, a través da que se publica e distribúe a información recadada e o software gisEIEL mediante o cal se levan a cabo as tarefas de mantemento no Servizo de Asistencia a Municipios.
Este software, que ata o de agora estaba baseado en produtos de software comercial (Intergraph Geomedia Profesional e Intergraph Geomedia WebMap) vai ser liberado e posto a disposición dos concellos para o seu emprego de balde e coas mesmas aplicacións.

PUBLICIDADE