A Comisión Europea investigará as prácticas anti-competitivas de Apple

luns, 6 de maio do 2019 Marcus Fernández

A intermediación de Apple nos pagamentos é un dos grandes problemas que denuncia Spotify, xa que afecta directamente aos consumidores

Dende Spotify denunciaron hai un par de meses as prácticas anti-competitivas de Apple, xa que a compañía de Cupertino impón unhas comisións e condicións a compañías como Spotify que sitúan nunha posición de privilexio ao servizos Apple Music, ao que dende Apple responderon negando só parcialmente as acusacións e denunciando que Spotify só agocha «motivacións financeiras», algo que non sorprendeu ao servizo musical nacido en Europa, que continúa asegurando que as prácticas de Apple «son unha clara violación da lexislación» con argumentos que parecen convencer en Bruxelas segundo o Financial Times, medio que asegura que a Comisión Europea decidiu iniciar unha investigación sobre o asunto.
Aseguran que en poucas semanas iniciarase unha investigación para comprobar se as acusacións de Spotify son certas, que non podemos esquecer que non se trata de denunciar as comisións da App Store ás aplicacións senón a servizos como Spotify co que Apple Music compite directamente, o que engade moitos matices, resultando complicado predicir o que decidirá a Comisión Europea ao respecto, podendo ter tal resolución un grande impacto en Apple, xa que podería afectar seriamente ás comisións de subscricións e tamén a ter que ofrecer a competidores de Apple Music (e outros servizos de Apple) as mesmas condicións que tería Apple para o desenvolvemento das súas aplicacións (cando actualmente as solucións de Apple gozan de claras vantaxes).

PUBLICIDADE