A CMT dá conta da decadencia das SMS

venres, 16 de agosto do 2013 Marcus Fernández

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións está a dar conta no seu blog oficial dun dato que non se lle escapa a ninguén que vexa o cambio de tendencia no uso dos móbiles nos últimos anos, especialmente coa popularización dos smartphones e de ferramentas como WhatsApp: as mensaxes de texto están en caída libre.
Dende a CMT constatan tal información collendo os datos do último informe Económico Sectorial de 2012 co tráfico de mensaxes de texto entre aboados (ou sexa, excluíndo as mensaxes Premium) rexistrando unha caída do 24,9%, ou sexa, acentuando a tendencia á baixa dos últimos anos.
Sobre os tipos de mensaxes, tamén pode comprobarse que en 2012 enviáronse 5.459 millóns de mensaxes de texto e só 94,1 millóns de mensaxes multimedia, de xeito que só teriamos 1 MMS por cada 58 SMS (o que entendemos que se acentúa coas ferramentas de mensaxería instantánea móbil, que compórtanse como mensaxes multimedia sen ter o elevado prezo das MMS).
Insistindo nesta información dende a CMT lembran que o Informe TIC hogares do segundo semestre de 2012 confirma que o consumo de SMS caeu á metade, quedando en unicamente 60 céntimos mensuais, mentres que o 23,5% declara empregar aplicacións móbiles de mensaxes a diario.

PUBLICIDADE