A Axencia Tributaria de Galicia apoiarase de cheo nas TIC na procura da eficacia

venres, 11 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Xa está en marcha a creación da Axencia Tributaria de Galicia que, segundo informa a Consellería de Facenda, permitirá un aforro de 15 millóns de euros nos vindeiros catro anos, grazas sobre todo á centralización de competencias: a máis proximidade e coñecemento do lugar no que se traballa, máis eficacia e rendibilidade nas tarefas a desenvolver. A creación da Axencia Tributaria galega (que cinguirá nun único organismo os labores propiamente tributarios, a liquidación, a xestión, a inspección e a recadación), tamén terá unha serie de consecuencias tecnolóxicas para a nosa cidadanía. De feito, case todo o que abrolle dela terá vertente TIC. Dende a información detallada que se nos achegue até procesos como garantir e fortalecer o control do cumprimento tributario.
A Axencia, que se prevé operativa a principios do ano vindeiro, xorde polo tanto cos seguintes obxectivos: mellorar a calidade e a cantidade dos servizos ofertados aos contribuíntes, potenciar as novas tecnoloxías para reducir ao mínimo a burocracia e contar con persoal especializado. “Galicia será a sexta autonomía en contar cun organismo propio destas características”, informa a Consellería de Facenda, responsábel desta iniciativa. Nun plano máis específico, os obxectivos pasan por potenciar o uso e afianzamento das novas tecnoloxías da información “para reducir ao mínimo a burocracia e permitir un aforro de tempo e custos ao cidadán”. Desta maneira, promoverase a simplificación de procedementos na presentacións de documentación e nos pagamentos; ademais de facilitar a información e asistencia necesarias para acadalo. Cómpre lembrar que a Administración autonómica dispón xa dunha xanela telemática que lle permite ao contribuínte comunicarse con diferentes rexistros (Propiedade, Mercantil, etc) e levar a cabo unha serie de trámites relacionados con estes. Segundo informa Facenda, arestora cóbrese de xeito TIC a totalidade dos trámites a realizar nestes ámbitos.

PUBLICIDADE