A Aula TIC-PEME pon en marcha hoxe o seu programa de alfabetización para colectivos con diversidade cognitiva

luns, 13 de abril do 2015 Redacción

A Aula TIC-PEME da Universidade de Santiago (USC) quere traballar levando as novas tecnoloxías aos colectivos que máis precisan delas ou, mellor dito, que máis precisan que se supriman barreiras para chegar a elas. Este compromiso da Aula materializarase en breve nunha nova edición do proxecto Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C), unha iniciativa que na que colaborarán de xeito voluntario estudantes do Campus de Lugo. Os estudantes/voluntarios serán os encargados de instruír ou favorecer a alfabetización no eido das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) a persoas con diversidades cognitivas.
A iniciativa, que nas pasadas convocatorias contou entre os seus participantes con varias persoas residentes no centro San Vicente de Paúl, bota a andar este 13 de abril coa celebración dunha xornada sobre destrezas e habilidades apropiadas para favorecer o achegamento das TIC aos integrantes do dito colectivo que se desenvolverá a partir das 18.00 horas na sala de xuntas da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, segundo indicou a responsable da Aula TIC-PEME da USC, a profesora Ángeles López Cabarcos.
O programa, sinala a USC, “é unha iniciativa que se axusta aos obxectivos que propiciaron a creación da da Aula TIC-PEME, entre cuxas premisas está a activación de propostas e proxectos de formación e asesoramento de capital humano asociado ás TIC, o traballo na formación continua ao longo da vida laboral a través da xeración de ofertas específicas que favorezan o acceso aos recursos e medios máis novos no ámbito das tecnoloxías”.

PUBLICIDADE