A Aula TIC-PEME da USC puxo en marcha xa 40 iniciativas de divulgación tecnolóxico-dixital

luns, 7 de xullo do 2014 Redacción

López Cabarcos, nunha xornada de difusión

A Aula TIC-PEME da Universidade de Santiago, un espazo de formación e reflexión sobre o fenómeno dixital e as súas múltiples ramificacións emprazado no campus de Lugo, vén de facer reconto do acadado dende a súa posta en marcha, tanto e materia de actividades de divulgación realizadas como no que se refire a seguimento en liña, entre outras cuestións. En total, a Aula puxo en marcha un total de 40 iniciativas de diversa índole no eido das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) nos seus primeiros 8 anos de actividade.
Ao longo deste período, engaden os responsábeis deste departamento de formación, este amosou unha traxectoria de medre sustentábel que salda un total de 170.000 visitas de 120.000 usuarios diferentes, “a maioría de España pero tamén do estranxeiro”.
A Aula TIC-PEME da USC, dirixida na actualidade pola profesora Ángeles López Cabarcos, xurdiu ao abeiro do Plan Estratéxico das TIC-2003-2006 co obxectivo de loitar contra a fenda dixital e dar resposta a esta eiva advertida nunha chea de eido sociais e empresariais da nosa terra. A fórmula elixida foi a do desenvolvemento de accións de formación e colaboración arredor das novas ferramentas do coñecemento (accións orientadas a tódolos ámbitos: PEME, asociacións empresariais, colectivos de persoas desempregadas ou de cidadáns en risco de exclusión social, etc).
Segundo informan os responsábeis da Aula, “a maioría das actividades poden catalogarse como micro cursos formativos virtuais sobre competencias básicas e de carácter gratuíto, proxectos ou actividades específicas desenvolvidas en colaboración con outras entidades e/ou institucións, xornadas de divulgación e posta en coñecemento de alternativas dispoñibles en materia TIC, e obradoiros virtuais diversos”. Os impulsores do espazo de formación salientan, de entre a bagaxe acumulada, a mención obtida na edición dos Premios Fundetec 2010, na que resultou finalista, polo proxecto Dinamizadores TIC.
A columna vertebral da Aula é en boa medida o seu portal web, accesíbel en usc.es/atpemes, recurso centralizador das accións postas en marcha. A páxina recolle a día de hoxe arredor de 6.000 entradas de novas, estatísticas, informes, convocatorias, experiencias, eventos, “e todos cantos contidos en materia TIC se consideren relevantes”. Un dos grandes retos actuais do departamento formativo que dirixe e coordina Ángeles López é a mellora da difusión a través dos medios sociais. De feito, estanse a redobrar os esforzos neste ámbito “para así potenciar e aumentar a capacidade de formación en materia TIC realizada a través do portal web e tamén para facilitar a interacción con outras persoas e institucións con intereses parellos”. A Aula TIC-Pemes está presente en Facebook, Twitter, Google+, Linkedin, Pinterest e YouTube.

PUBLICIDADE