A Asociación Española de Investigadores en Comunicación botará a andar en Compostela

luns, 14 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

A primeira pedra da Asociación Española de Investigadores en Comunicación vai ser asentada en Compostela, concretamente entre o 30 de xaneiro e o 1 de febreiro. Falamos unha entidade que, como o seu propio nome indica, vai encamiñada a ser fonte de información sobre a propia información (investigadores dos investigadores) e a reflexionar sobre a revolución do coñecemento que vivimos a día de hoxe.
A constitución terá lugar na Facultade de Xornalismo de Santiago nas distas xornadas e contará coa presenza (entre outros) de Miquel de Moragas i Spà, catedrático de Teoría da Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona e coa de Margarita Ledo, presidenta da Asociación Galega de Investigadores en Comunicación.
Por certo que con motivo da creación do dito colectivo estatal, aproveitarase para celebrar (nos mesmos días: do 30 de xaneiro ó un de febreiro e no mesmo escenario) un congreso no que participarán uns cincocentos investigadores procedentes de máis de 25 países.
Este congreso, do que xa temos falado nesta mesma web, servirá para afondar en temáticas vinculadas á maré de información na que vivimos como por exemplo: a supervivencia das identidades culturais na Rede (as linguas minoritarias, principalmente), o novo rol do xornalista en Internet ou o futuro da prensa local.

PUBLICIDADE