A AJE organiza unhas Xornadas de Divulgación da Sociedade da Información dirixidas a empresarios e PEME

venres, 23 de novembro do 2007 Marcus Fernández

As TIC cada día son máis importantes na sociedade e a empresa, polo que a Asociación Marineda de Jóvenes Empresarios (AJE) organiza entre os días 26 e 29 de novembro un ciclo de Xornadas de Divulgación da Sociedade da Información, proxecto co-financiado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
As Xornadas están dirixidas a empresarios e persoal das PEME que queiran coñecer e ampliar as vantaxes de utilizar e implantar as novas tecnoloxías nos seus negocio, para o que poderán aprehender coñecementos básicos para comprender as posibilidades das TIC, incrementar a competitividade das empresas galegas mediante o uso da tecnoloxía e coñecer as solucións máis axeitadas para incrementar a rendibilidade das PEME galegas.
Cada un dos 4 días das xornadas terán temáticas diferenciadas, comezando o día 26 de novembro do software libre, tratando de ilustrar ós asistentes sobre a súa importancia; o segundo día estará dirixido á seguridade informática, achegándose tamén á Lei de Protección de Datos en España; a factura electrónica será o seguinte tema a tratar neste encontro que rematará co comercio electrónico e a sinatura dixital o día 29.
As xornadas terán lugar ás 20:00 horas na sede de ITE Caixa Galicia sita na Ronda de Nelle, nº 31 de A Coruña, pregándose ós interesados en asistir que se poñan en contacto coa AJE.

PUBLICIDADE