A AELG traballará para a posta en marcha de revistas literarias en formato dixital
luns, 19 de setembro do 2011
Calquera que
camiñara un pouco pola Rede nos últimos anos terase decatado de que unha boa
parte da nosa literatura ten xa o seu xermolo nela, e xa non só iso, senón tamén
tódolos estados vitais que lle seguen: presentación, seguimento, comentarios,
interactividade, recoñecemento, divulgación, etc. Esta vida dixital da nosa
creatividade ofrece múltiples posibilidades que, máis que prexudicar, semellan
complementar a expresión tradicional, a vinculada ao papel. Tirar o máximo
partido destas posibilidades é o gran obxectivo da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega,
que celebrou este sábado a sexta edición do seu encontro para autoras/es
novas/os. A xuntanza, que se desenvolveu baixo o epígrafe Da tinta á pegada dixital, serviu entre outras cousas para promover
a creación de revistas literarias en novos formatos ligados á Rede.
O encontro, celebrado
de novo no espazo Normal (centro cultural da Universidade da Coruña), contou
coa participación dun amplo número de escritoras e especialistas en nova
comunicación, como Tati Mancebo, Antía Otero, Estíbaliz Espinosa, Leo F.
Campos, Ana Cibeira ou Elvira Riveiro, entre outras. Tal e como reflectían os medios galegos antes da
celebración deste encontro, un dos grandes obxectivos do mesmo foi asentar os
alicerces dunha serie de traballos colectivos que desembocarán na posta en
marcha de novas publicacións literarias dixitais, a engadir ao que se siga a
facer a través dos formatos tradicionais, por outra banda tamén necesarios.
Segundo fixo
saber o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, en declaracións a Efe, é
preciso habilitar iniciativas que integren e unifiquen os nosos esforzos en
materia de literatura e pensamento, unha boa parte dos cales se segue a desenvolver
de xeito illado, sendo as novas tecnoloxías do noso tempo un bo xeito de canalizalos
cara a sociedade galega, facilitando a súa accesibilidade e a interactividade
arredor deles. Neste senso, os blogs e publicacións de tipo persoal en Internet
xogarían un papel decisivo. Segundo fixo saber a AELG, impulsarase a creación
destes foros dixitais coa posta marcha dunha publicación propia, onde as
autoras e autores “poderán facer confluír
as súas creacións”.