52 horas nunha party (XGN) que xa se fixo maior

luns, 2 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Rematou a oitava edición de Xuventude Galiza Net entre o acostumado baile de cifras, números que para unha xuntanza destas características que con cada ano que pasa gaña en complexidade non son máis ca un análise ben superficial, pero unha análise necesaria a fin de contas. Estas son algunhas das cifras (podemos valoralas uns segundos e logo esquecelas, xa que o miolo de XGN fica aínda moi por debaixo): 40.000 visitas, 1.500 internautas participantes, 40.000 metros de fío, 52 horas de conexión e un xigabyte de velocidade de acceso á Rede. Dito isto, tratemos agora de meternos un pouco máis a fondo. Para comezar, dicir que XGN non se corresponde en nada con moitas das ideas que se teñen dela dende fóra ou mesmo dende dentro. En realidade, só poden saber en que consiste a party algo máis de 1.500 persoas cada ano, e poucas máis, pero esa é outra historia que dá para moito e non sobra o espazo.
O caso é que XGN xa non é a mesma ca hai oito anos. Antes de que pasase ese tempo, podíamos chegar a entender que alguén se inscribise nun encontro coma este para poder poñer a proba o seu computador e tirar rendemento dunha potente conexión á Internet. Pero agora, tendo en conta que unha parte dos inscritos proceden das cidades e que nas cidades (a diferenza do rural, que está no extremo oposto) quen máis e quen menos ten ó alcance da man un acceso minimamente aceptable, non parece ser a alta capacidade da rede o factor decisivo que anima á participación. De que se trata, polo tanto? Por que cada ano que pasa as prazas habilitadas esgótanse en menos tempo? A resposta podes chegar a albiscala se entras na xuntanza e sobes as escaleiras do Pazo de Congresos de Santiago que ofrecen as mellores vistas sobre a sala ateigada de participantes cos seus computadores, pero precisas sentar nas súas cadeiras e camiñar (se fai falla) cos seus zapatos para saber cales son as súas verdadeiras motivacións. Precisas escoitalos e se fai falla meterte nas súas conversas (soe ser xente de bo talante, non hai risco de que acabes na rúa a base de empurróns). Máis ou menos a esa altura da análise (ou nas escaleiras) é cando hai máis posibilidades de caer na conta de que a Rede é a escusa para estar alí. O que de verdade importa é algo máis vello cá Rede: falar e que che falen.
Pero hai máis onde rañar. Certo que se pode discutir, ou que mesmo pode haber roces entre os inscritos ou entre os visitantes, pero o ambiente da xuntanza dista moito da idea que ten unha boa parte das persoas de certa idade sobre as novas xeracións. É dicir: non hai marxe aquí nin alicerce sólido para esa teima de criminalización da xuventude que se está a levar a cabo dende hai certos sectores da sociedade, criminalización que está a traer consigo que haxa moita xente que pense en botellón en canto se lle fala de mozos reunidos na rúa, no parque, nun local social ou baixo o teito do Pazo que acolle a party. Mais cómpre tamén non fuxir dun estereotipo para caer noutro aínda peor: XGN non é tampouco unha acampada de boy scouts uniformados arredor dunha serie de equipos informáticos como se dunha cacharela na que cantar cancións se tratase.
Toda esta situación na que nada é o que pode parecer a primeira vista, enleouse este ano un pouco máis coa inclusión dunha serie de novidades encamiñadas a abrir novas vías de participación. Por exemplo: este ano foron convidadas persoas da terceira idade de toda Galiza para afondar na medida do posible nos seus coñecementos sobre as redes, e facendo o que en definitiva máis lles conviña: deixarse ensinar polos mozos e mozas alí reunidos en materia de Sociedade da Información.
Tirar rendemento do potencial dos rapaces (sobre todo no eido tecnolóxico, no deseño gráfico, na programación ou na computación) é o que tamén quixeron facer as empresas colaboradoras e patrocinadoras que participaron este ano en Xuventude Galiza Net e que se despediron dela carrexando unha boa cantidade de currículos. Para as empresas, segundo informaron durante o transcurso dos diversos actos da xuntanza, XGN ben pode converterse en certa medida nun mercado de traballo, tendo en conta a gran formación en informática da mocidade alí reunida e o difícil (iso din as empresas) que lles resulta en ocasión atopar xente cualificada (unha boa parte dos rapaces que saen das escolas e das facultades procuran traballo nas grandes cidades de fóra de Galiza).
O futuro de Xuventude Galiza Net: a descentralización
Do futuro de Xuventude Galiza Net puidemos falar brevemente con Rubén Cela, director xeral de Xuventude (departamento de Vicepresidencia que é o encargado de organizar a xuntanza e de que todo saia o mellor posible), durante o transcurso da party e nun dos intres máis interesantes da mesma: o do venres (30) a primeira hora do serán, xusto cando a maquinaria comeza a funcionar a todo rendemento. Máis ou menos como era de agardar, Cela comentou que XGN vai acadar aínda máis complexidade. É dicir: xa está madura, xa está maior. A idea principal para o futuro é liberala do seu único eixo até o de agora: Santiago. Apostar pola descentralización, por unha party que non sexa só nun espazo determinado nin nunha época determinada e achegala a outros lugares onde se cadra se precisan máis apostas pola Rede ca en Compostela. “O noso obxectivo”, sinalou Cela, “é facer participar a outros núcleos de poboación e a outros colectivos, e mesmo ó longo de todo ano, facer unha Xuventude Galiza Net o máis viva posible”. Isto non significa (engadiu) que non se siga apostando polo mesmo que até o de agora: o diálogo na mocidade, a divulgación do software libre, a loita contra a fenda dixital ou a intercomunicación entre distintos grupos de idade. Sexa como sexa, é moi probable que en breve a Dirección Xeral de Xuventude comece a achegar información ó respecto.
Premios XGN
O punto final de XGN foi unha vez máis a entrega de premios dos diferentes concursos que se desenvolveron durante a xuntanza. A encargada de achegar os galardóns foi a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, quen lle entregou a Ignacio Lago Fontán o galardón pola páxina web de Vós Irmandiños, grazas á que levou un ordenador portátil e outros complementos, así como vales de compra por valor de 1.500 euros.
No concurso por equipos Counter Strike, os vencedores foron os mebros do clan Wait and Bledd. Os seus membros repartíronse diversos vales de compra, cinco torres Asus con procesadores a 6.300 megahertzs e tarxetas gráficas por valor de mil euros cada equipo. O representante executivo de Asus Ibérica, Saúl Cheung, fixo entrega dos lotes.
A concelleira de Mocidade de Santiago, Elvira Cienfuegos, fixo entrega do premio Quake III, que foi para Ignacio Rodríguez Guillén, que levou tamén un equipo Asus valorado en máis de mil euros. En animación 3D, o primeiro galardón foi para Iván Rodríguez Arós, a quen lle correspondeu un ordenador portátil e vales de compra por valor de 1.500 euros. O premio foi entregado pola deputada Raquel Jabarés.
Na categoría de vídeos XeGue-eNe, o gañador foi Rafael Carbayeda Castro, que recibiu de mans do director de marketing de Blu:Sens, Miguel Churruca, un ordenador portátil, unha tarxeta gráfica e outra de son, así como vales de compra, un lote valorado en 1.600 euros.

PUBLICIDADE