500 compañías non renovan a súa licenza de OMV

luns, 9 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Carrefour Móvil esqueceu renovar a súa licenza

As operadoras móbiles virtuais (OMV) non parecen estar a cumprir coas súas expectativas iniciais, e a CMT anunciou que das compañías que solicitaron entrar neste negocio, 700 aínda non iniciaron a súa actividade e destas últimas, 500 non renovaron a súa licenza, o que dá a entender que o interese por entrar no sector desaparece en tempos de crise e ante a ausencia dun modelo de negocio que o faga rendible ante a alta competencia actual.
Pero este anuncio veu seguido dunha pequena conmoción, pois entre as compañías cesantes aparecía Carrefour Móvil, empresa que xa matizou que se trata dun «problema burocrático» que está «en vías de solución», polo que aínda que nestes momentos Carrefour carece de licenza para operar, os seus milleiros de usuarios non quedaron sen servizo, e a CMT xa está a buscar unha solución que tamén afecta a operadoras coma MetroRed ou Globalcom. Nestes casos a CMT decidiu respectar os dereitos dos usuarios, e non cancelará as liñas dos clientes de compañías que esquecesen renovar a súa licenza.

PUBLICIDADE