4 xogos de Xbox 360 melloran os seus gráficos en Xbox One X
martes, 27 de febreiro do 2018
Entre as bondades da Xbox One X destaca o feito de que a
última consola de Microsoft non se limita a amosar mellor os xogos máis
modernos, senón que tamén presta atención aos tÃtulos retrocompatibles de Xbox
360, que de estaren preparados permiten gozar dos vellos xogos cunha resolución
superior e, sen mudar o código dos xogos, contar cun nivel de melloras gráficas
máis propias dunha remasterización, e precisamente hoxe
mesmo hai 4 grandes xogos que se suman aos que reciben este tratamento: The Witcher 2: Assassin’s of Kings, Forza Horizon, Fable Anniversary e Crackdown.
Que xa teña algún destes xogos de Xbox 360, non só pode xogalos en Xbox One,
senón que de contar cunha Xbox One X poderá gozalos como non os viu nunca.
Outros xogos de Xbox 360 que tamén están optimizados para Xbox One X son Assassin’s Creed, Fallout 3, Gears of War 3,
Halo 3, Mirror’s Edge, Oblivion e
Skate 3.
Os usuarios de Xbox One X poden elixir se xogar á versión con gráficos
mellorados dos xogos de 360 ou reproducilos na súa forma orixinal, estando a
versión mellorada activada de xeito predeterminado, o que permite gozar de
maior resolución, texturas máis detalladas e antialiasing.
As consolas Xbox One tamén están a recibir xogos da Xbox orixinal como
retrocompatibles, facendo que esta plataforma sexa todo un exemplo a este respecto,
por permitir que os usuarios gocen de xogos de anteriores xeracións sen ter que
volver pasar por caixa como acontece coas consolas de Sony e Nintendo.