2Mares presenta o seu servizo Intellixente nunha das principais citas estatais do comercio electrónico

luns, 1 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

O servizo galego Intellixente, recoñecido na pasada Noite Galega das Telecomunicacións e dirixido a favorecernos ao máximo o posicionamento da nosa marca nas redes sociais (amais da relación cos nosos clientes), vai estar presente, os días 24 e 25 de abril, nunha das principais citas españolas en materia de promoción, publicidade e actividade comercial en liña. Falamos de OMExpo Madrid 2013, a desenvolver no recito Feira de Madrid de xeito simultáneo a EXPOE-commerce España. As dúas citas, como lembraremos, reúnen na capital do Estado ás principais empresas e tendas en liña cos seus provedores de comercio electrónico en cadansúa categoría (tecnoloxía, guías de compra, loxística, promoción, relación co cliente, transaccións financeiras, aspectos legais e servizos engadidos).
O servizo Intellixente, tal e como sinalamos no seu día, vén da man da firma galega 2Mares. Trátase, basicamente, dun recurso tecnolóxico para escoitar, de verdade e sen filtros nin intermediacións, a voz do noso cliente. A ferramenta ten un combustíbel de seu: os milleiros de opinións persoais que se verten nestes servizos de participación, en calquera das súas moitas feituras e marcas, das que Intellixente se nutre para avaliar a posición que ten unha empresa entre a sociedade, neste caso a sociedade 2.0, reflexo en boa medida fiel da anterior, aínda que con engadidos. A firma 2Mares destacou con motivo da súa presentación oficial que con este proxecto o que se desexaba era achegar algo verdadeiramente útil para facer doado e accesíbel o que en moitas ocasións se presenta como caro e complexo: escoitar ao cliente. “Intellixente”, informou no seu día a entidade con sede en Vigo, “é unha solución segura e fiábel que en cinco pasos facilita entender ao cliente e usar a súa voz como material de aprendizaxe organizativo para a mellora de procesos; permitindo mellorar de xeito práctico e eficaz a súa escoita activa”.

PUBLICIDADE