O servizo galego Intellixente, entre os premiados na Noite Galega das Telecomunicacións

mércores, 24 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Entre os profesionais e proxectos recoñecidos na vindeira edición da Noite Galega das Telecomunicacións, que se celebra este venres 26 na Toxa da man da AETG-COETG, atópase unha das iniciativas empresariais galegas de meirande proxección internacional: a solución Intellixente, achegada pola firma 2Mares e que, como lembraremos, xa foi obxecto dunha distinción en Londres, no marco dos StartUpGames, onde resultou elixida entre os 12 mellores proxectos europeos. Pois ben, agora o recoñecemento tócalle máis preto a 2Mares, na súa propia terra, coa obtención do X Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial que concede a AETG-COETG.
Como recordaremos, Intellixente vén da man da startup galega 2Mares e diríxese a achegar unha solución eficaz para que os empresarios e profesionais tiren o máximo partido das redes sociais no camiño de comunicarse mellor cos seus clientes e no de emprazarse do xeito máis visíbel. Máis polo miúdo, e segundo informan dende a devandita empresa con motivo da obtención do premio, Intellixente é “unha solución tecnolóxica que permite establecer procesos escalables de relación cos clientes en redes sociais, monitorizando, etiquetando e extraendo información da percepción dos clientes sobre unha marca ou empresa nas comunidades 2.0, e permitindo establecer conversas cos usuarios e mellorar de xeito eficaz a escoita activa do cliente, entendelo e usar o coñecemento xerado na mellora dos procesos da organización”.
Entre as razóns que moveron á AETG-COETG a conceder o devandito recoñecemento, atopamos o compoñente innovador que pon en xogo Intellixente no sector galego das novas tecnoloxías, amais do seu potencial de aplicación no mercado, de exportación e de creación de emprego.

PUBLICIDADE