2K presenta ao estudio que retomará a franquía de BioShock

luns, 9 de decembro do 2019 Marcus Fernández

A franquía de xogos de BioShock, que no seu día foi un dos motores do éxito da Xbox 360, recibiu a súa última entrega, BioShock Infinite en 2013, pero 2K anunciou hoxe que non abandonan a marca e forman un novo estudio de desenvolvemento de videoxogo chamado Cloud Chamber que terá como primeiro traballo o retomar a franquía de BioShock.
Cloud Chamber terá o seu equipo repartido entre dúas localizacións: os cuarteis de 2K en Novato (California) e en Montreal (o que sería o primeiro estudio de 2K con oficinas en Canadá). Dende 2K recoñecen que BioShock é unha franquía moi valiosa, con potencial a longo prazo, polo que non sorprendería que, en vez de limitarse a un novo xogo, senten os alicerces dunha nova saga.
Á cabeza de Cloud Chamber estará Kelley Gilmore, veterana da industria, con 22 anos de experiencia en máis de 40 xogos, que converterase na primeira muller na historia de 2K en iniciar e liderar un estudio de desenvolvemento.

PUBLICIDADE