280 Slides, a nova aplicación web para crear presentacións multimedia

luns, 9 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Un par de ex-traballadores de Apple montaron unha nova empresa, 280 North, que xa ten o seu primeiro produto: 280 Slides. Estamos ante unha ferramenta de creación de presentacións multimedia que nos pode lembrar ao Keynote de Mac OS X, pero que funciona directamente dende a web, e que actualmente está nunha fase pública de proba.
A chave do éxito desta aplicación web é que funciona dun xeito moi semellante a unha aplicación de escritorio, polo que o usuario apenas percibe a diferenza. As presentacións poden incluír texto, imaxes, vídeos (dende servizos coma YouTube ou Vimeo) e formas xeométricas.
280 Slides funciona en javascript e non en Flash (como outras aplicacións semellantes que non remataron de gustar ao público) e as presentacións finais pódense gardar en formato compatible co PowerPoint 2007 ou publicalas en SlideShare (o YouTube das presentacións) para compartilas dende páxinas web.
O servizo web é sinxelo de empregar e polo momento é de balde, resultando unha ferramenta bastante útil para que queira facer de xeito rápido unha presentación multimedia para publicala na Internet ou cando non conte cunha aplicación coma PowerPoint instalada no seu equipo.

PUBLICIDADE