SlideShare, ou cómo achegar o éxito de YouTube a presentacións de PowerPoint

venres, 6 de outubro do 2006 Marcus Fernández

¿A quen non lle mandaron nunca por correo electrónico unha presentación en formato PowerPoint que en moitos casos non era máis que unha sucesión de imaxes coas que se pretendía mandar un saúdo ou contar un chiste? Sen dúbida, as presentacións multimedia transcenderon o seu uso orixinal para converterse nun medio de expresión máis, e algunhas empresas quixeron transmitir ese tipo de utilidades á Internet creado sistemas de presentacións en liñas que non acadaron o éxito agardado, pero agora a cousa podería cambiar grazas a SlideShare.
SlideShare é un servizo claramente inspirado en YouTube se non cinguimos á súa aparencia, pois presenta a súa mesma composición gráfica en pantalla, pero en vez de basearse no vídeo, emprega presentacións multimedia como base do seu sistema. Deste xeito, podemos achegar á Rede unha proxección de diapositivas de xeito que se poden ver dende calquera lugar do mundo e nos permite, por exemplo, non ter que levar connosco discos nin memorias USB para facer unha presentación en calquera parte. Pero o máis importante quizais sexa que para compartir unha presentación non será preciso enviar por correo electrónico un ficheiro enorme, senón que chegará con mandar unha ligazón á web dende a que se poderá ver a proxección da presentación correspondente.
En verdade xa hai bastantes servizos semellantes a SlideShare pero, ¿en qué destaca este? Pois simplemente no feito de que permite importar documentos creados con PowerPoint ou co Open Office sempre que non superen os 20 Mb de tamaño, transformándose logo nun ficheiro accesible mediante tecnoloxía Flash que se poden compartir na Internet e incluso incorporar de xeito doado ós nosos blogs e páxinas webs, non prescindindo tamén da súa posible visualización a pantalla completa.
Como tamén acontece con YouTube, as presentacións poden etiquetarse e comentarse, polo que pretende potenciarse a difusión dos ficheiros alí publicados, e con este novo servizo créase así unha solución ideal para non ter que remitir pesados ficheiros por e-mail e para que as conferencias e congresos poidan verter na Internet os seus contidos dun xeito accesible para o público en xeral, que incluso poderían facer un seguimento das conferencias dende as pantallas dos seus ordenadores en tempo real. Todo un invento que podería tirar proveito do éxito do vídeo a través da Internet para achegar as presentacións a calquera a quen lles interesen.
Como exemplo podemos ver a típica presentación que se viña remitindo por correo electrónico ata o momento co mero obxectivo de saúdar:


Ou mesmo unha presentación realizada para as xornadas EnBlogs’06 organizadas polo Consello da Cultura Galega:

PUBLICIDADE