10 anos de reprodutores de MP3

martes, 11 de marzo do 2008 Marcus Fernández

O pioneiro MPMan F10

En 1997 o fabricante surcoreano Saehan Information Systems creou o primeiro reprodutor de audio dixital baseado en compresión MP3 que se comezou a vender en 1998 baixo o nome de MPMan F10 e que hoxe cumpre 10 anos da súa presentación durante a feira CeBIT.
Este reprodutor só tiña unha capacidade de 30 Mbytes, medía 91 x 70 x 165,5 milímetros, incluía unha pequena pantalla LCD e curiosamente se comunicaba cos PC a través do porto paralelo.

O Rio PMP300 era o reprodutor multimedia de referencia

O prezo de venda do MPMan F10 foi inicialmente de 250 dólares, pero quedou rapidamente eclipsado polo Diamond Multimedia Rio PMP300, que saíu á venda no mesmo ano e soportaba a ampliación da súa memoria mediante tarxetas Smart Media, converténdose no reprodutor de referencia.
Amais, a RIAA (o equivalmente norteamericano da SGAE) contribuíu á popularización do reprodutor Rio PMP300 ó denunciar que facilitaba a copia ilegal de música (causa que gañou Diamond Multimedia).
Habitualmente se considera que os reprodutores Rio foron os primeiros do mercado (por ser os primeiros que acadaron certa sona mundial) e cómpre indicar que son bastante anteriores ós iPod de Apple, que non chegaron ata finais de 2001 (e que aínda tardaron en gañarse ó público, pois nas primeiras versións só eran aptos para usuarios de ordenadores Mac).

PUBLICIDADE