1.200 millóns de euros de multa a Meta por transferir datos de cidadáns europeos a EE.UU.

luns, 22 de maio do 2023 Marcus Fernández

A Comisión de Protección de Datos (DPC) de Irlanda vén de anunciar a súa conclusión ao expediente aberto a Meta Platforms Ireland Limited (Meta Irlanda) polo xeito no que a filial irlandesa de Meta transfería datos persoais de cidadáns europeos aos EE.UU.
A Comisión determinou que Meta Irlanda infrinxiu o Artigo 46(1) do Regulamento Xeral de Protección de Datos ao continuar a transferir datos persoas despois de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea determinase que era ilegal o marco no que se facían estas operacións, e non tomase medidas para atallar os riscos para os dereitos fundamentais e a liberdade dos datos identificados polo Tribunal.
Ante esta situación a DPC dá a Meta Irlanda un prazo de 5 meses para suspender calquera futura transferencia de datos persoais a EE.UU., requírelle a Meta que deixe de almacenar e procesar os datos recollidos ilegalmente e impón a Meta unha multa de 1.200 millóns de euros, converténdose na sanción deste tipo máis elevada até o momento, bastante superior aos 225 millóns de euros que impuxera a WhatsApp en 2021.
Dende Meta aseguran que a transferencia de datos entre EE.UU. e a Unión Europea é fundamental para poder operar como unha rede global, consideran que a sanción imposta carece de xustificación e anuncian que apelarán. Tamén lembran que as mesmas prácticas que realiza Meta son habituais por milleiros de servizos estadounidenses dispoñibles para cidadáns europeos.

PUBLICIDADE