Sanción de 225 millóns de euros a WhatsApp por infrinxir a lexislación de protección de datos

xoves, 2 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A Comisión de Protección de Datos (DPC) anunciou o resultado dunha investigación sobre a posible infracción do Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea por parte de WhatsApp, resultando desfavorable para a aplicación de mensaxería, que terá que afrontar o pagamento dunha sanción por valor de 225 millóns de euros.
A investigación iniciada o 10 de decembro de 2018 analizaba a transparencia da información de usuarios e non usuarios de WhatsApp, incluíndo a información que procesaban con outras compañías de Facebook. Determinaron que WhatsApp só estaba a achegar aos usuarios unha fracción da información que debería subministrar, mentres que aos non usuarios (persoas das que teñen o seu número de teléfono sacado das axendas de contactos dos seus usuarios, pero que non son usuarios directos de WhatsApp) non os informaba de ningún xeito, cometendo un total de catro infraccións do Regulamento Xeral de Protección de Datos.
Dende WhatsApp consideran que a sanción é desproporcionada (a DPC irlandesa quería pór unha sanción de 50 millóns de euros, pero os reguladores europeos esixiron o incremento de tal cantidade) e apelarán tal decisión.

PUBLICIDADE