A 11ª edición dos Premios Webby xa ten gañadores

mércores, 2 de maio do 2007 Marcus Fernández

O mes de maio estréase coa publicación dos gañadores da 11ª edición do Premios Webby, que veñen a ser os Oscars da Internet. Nesta ocasión contaron cunhas 8.000 candidaturas de máis de 60 países e que xa non se limitan a páxinas web, senón que tamén premian os anuncios interactivos, os contidos para móbiles e mesmo películas.
David Bowie recibirá un Webby por toda unha vidaAparte dos premios nas categorías tradicionais, este ano entregaranse premios especiais, de xeito que David Bowie recibirá un Webby pola súa traxectoria artística na que deu un importante pulo á tecnoloxía (lembremos cómo chegou a incitar ós seus seguidores a remesturar a súa música ou a descargar cancións exclusivas da Internet), a presidenta de eBay, Meg Whitman, recollerá un galardón en nome da súa empresa e dos seus 233 millóns de usuarios rexistrados en todo o mundo por mor das súas achegas á innovación e ó movemento social, e tamén Steve Chen e Chad Hurley contarán coa distinción de Persoas do Ano pola revolución que supuxo o seu sistema de publicación de vídeos na Internet (YouTube).
O protagonista de Ask A Ninja é o primeiro actor en recibir un WebbyEstas persoas participarán así nunha gala que terá lugar entre os días 3 e 5 de xuño na cidade de New York, e a que asistirán figuras da Internet coma o protagonista de Ask a Ninja ou Jessica Lee Rose (tamén coñecida coma Lonelygirl15) que serán as primeiras persoas en recibir ó Webby ó mellor actor e á mellor actriz respectivamente, estreando as categorías máis audiovisuais destes veteranos premios.
Jessica Lee Rose é a primeira actriz en recibir un Webby tras encarnar á misteriosa Lonelygirl15Curiosidades aparte, a presente edición dos Webby non conta con sorpresas importantes, resultando máis subliñable o feito de que apenas resultan relevantes para países como España, xa que moitos dos premiados son completos descoñecidos (como acontece especialmente nas categorías de móbiles ou de publicidade interactiva).
No tocante os premios audiovisuais, recoñeceuse a calidade do vídeo no que se pode ver unha guerra entre portadas de discos así coma o éxito dos clips con experimentos ó mesturar caramelos Mentos e Coca-Cola Light ou da serie de televisión The Office, pero a relevancia desta categoría de premios aínda non parece ser tan importante como a de páxinas web, na que poderiamos dicir que houbo presenza española, xa que a web de El Laberinto del Fauno se veu recoñecida como a mellor páxina cinematográfica. Tamén recibirán galardóns auténticos referentes da web, coma Flickr (polas mellores prácticas, mellor comunidade e mellor utilidade para o deseño visual), Blip.tv (o popular servizo de hospedaxe de vídeo triunfou na categoría de banda larga) ou HowStuffWorks (mellor web educativa e web máis respectuosa cos dereitos de reprodución), mentres que houbo un grande triunfador da presente edición dos premios, Jonathan Yuen, que veu como recoñecía ó seu espazo virtual como a mellor páxina web persoal do ano, así como a de mellor uso de animacións e mellor deseño gráfico, ou sexa, que acadou tantos premios coma Flickr, en categorías máis importantes, o que supón todo un logro persoal.

PUBLICIDADE