Zeiss colaborará no desenvolvemento das cámaras dos smartphones de Nokia

xoves, 6 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Durante a pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona causou furor o Nokia 3310, pese a que o seu lanzamento non deixou de ser unha simple anécdota para chamar a atención sobre o relanzamento da marca Nokia, que agora aposta por móbiles con Android, entre os que están os Nokia 3, 5 e 6, que nun par de semanas chegarán ao mercado español a prezos de 159,90, 209,90 e 249,90 euros respectivamente segundo a cadea de tendas Fnac.
Estes últimos terminais, se ben son recomendables pola súa calidade de fabricación e por contar con versións de Android limpas e con actualizacións frecuentes, ningún deles é o que os seareiros de Nokia esperaban, xa que moitos tiñan a confianza de que vese a luz un rumoreado Nokia 8 de alta gama, que contase cunha cámara en condicións, o que é posible que finalmente sexa posible se atendemos ao último anuncio da compañía finlandesa, xa que HMD Global (o actual propietario de Nokia) vén de pechar un acordo con Zeiss, o célebre fabricante de obxectivos para cámaras que traballara con Nokia no pasado, de xeito que colaborarán a longo prazo para desenvolver novas cámaras para smartphones.
As compañías non detallaron as condicións do seu acordo, pero Zeiss podería non limitarse a subministrar os obxectivos das cámaras, senón tamén sensores e software, de xeito que no futuro poderiamos ver algún smartphone de Nokia que poida converterse nun referente no apartado fotográfico como no seu día fora o Lumia 1020 coa súa impresionante cámara de 41 Mpíxeles.

PUBLICIDADE