YouTube e a CNN alíanse para dar cobertura ós debates presidenciais nos EE.UU.

venres, 15 de xuño do 2007 Marcus Fernández

YouTube e a CNN colaborarán para o patrocinio dos debates presidenciais dos partidos demócrata e republicano nos EE.UU., de xeito que se poderán compartir e distribuír na Rede, aínda que a principal innovación será que os cidadáns norteamericanos poderán subir vídeos a YouTube cunha duración máxima de 30 segundos nos que se farían preguntas ós candidatos.


Vídeo de presentación

Os vídeos non se teñen que limitar a ser preguntas gravadas ante unha webcam, ou sexa, que poden incorporar apoio gráfico sobre os temas tratados, fomentando así a creatividade nesta iniciativa participativa sen precedentes en Norteamérica.
Ademais, as videopreguntas poderanse consultar nunha canle creada en YouTube, e a CNN seleccionará entre 20 e 30 para a súa incorporación ós debates que serán o 23 de xullo (o Partido Demócrata) e o 17 de setembro (o Partido Republicano) e que poderían lembrar en certo modo a programas televisivos coma J’ai une question à vous poser ou Tengo una pregunta para usted.

PUBLICIDADE