XoveTIC abre a tempada de grandes eventos tecnolóxicos para a nova investigación

luns, 2 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Esta semana o Centro de Investigación TIC (CITIC) retoma pola porta grande a súa actividade de divulgación, formación, debate e intercambio de recursos e coñecemento. Estamos a falar da segunda edición do seu Congreso XoveTIC, unha cita tecnolóxica coa comunidade de novas e novos investigadores (pre-doutorais e pos-doutorais) das universidades galegas e do norte de Portugal, aos que se lles brindará “un espazo de encontro para o debate científico e para a impulso e fortalecemento da súa formación”, en palabras do CITIC, sede do congreso.
A cita será os días 5 e 6 de setembro. Nela, cada participante poderá presentar comunicacións orais ou pósteres das súas investigación no ámbito das novas tecnoloxías da información.
Como novidade nesta edición, o Congreso XoveTIC está integrado na 27ª Conferencia Europea de Procesamiento de Sinais (EUSIPCO 2019). Ademais, contará con relatores, investigadores e figuras pertencentes ao ámbito da industria de importancia internacional.
Respecto dos traballos presentados deberán enmarcarse nalgunha das seguintes áreas temáticas:
· Ciencia de datos e información: sistemas de información; recuperación de información, modelos matemáticos e xestión documental; aprendizaxe máquina; sistemas de información xeográfica; matemática aplicada, estatística e investigación operativa.
· Percepción, cognición e interacción: sistemas intelixentes; sistemas recomendadores; visión artificial; localización e monitoraxe de movementos.
· Arquitectura de computadores, sensórica e comunicacións: computación avanzada; sistemas distribuídos e arquitecturas orientadas a servizos; sensórica, comunicación e informática móbil.

PUBLICIDADE