XoveTIC, a gran cita dos novos investigadores das TIC, retoma esta semana a presencialidade

martes, 4 de outubro do 2022 S. P.

Os novos investigadores de España e Portugal que traballen en proxectos de Intelixencia Artificial, análise de información a gran escala (Big Data), computación de altas prestacións, servizos e redes intelixentes ou ciberseguridade teñen unha cita co talento esta semana no Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) da Universidade da Coruña. Será con motivo da quinta edición do Congreso XoveTIC, que se celebra este mércores 5 e este xoves 6 de outubro retomando a presencialidade tras dous anos celebrándose en liña debido á pandemia. O congreso terá lugar no CITIC, agás a sesión de pósteres na tarde do mércores, que será na Facultade de Informática da UDC coa finalidade de achegar o encontro ao alumnado.
Segundo informou o centro coruñés, organizador da cita, no congreso presentaranse máis de 50 traballos de investigación no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), tanto en formato comunicación oral coma en póster. Os cinco considerados mellores polo comité científico avaliador recibirán unha axuda económica. Unha aplicación informática para saúde mental, un proxecto sobre realidade aumentada para montaxe e mantemento de estaleiros, Big Data para corrección de erros en lectura xenética, detección de ataques DoS e un simulador para a toma de decisións durante pandemias foron os traballos recoñecidos o pasado ano.
Ademais, tamén terán lugar dúas conferencias plenarias a cargo de Sabela Ramos Garea, enxeñeiro de software en Google Research, Brain Team; e José Francisco Tirado Fernández, catedrático de Arquitectura e Tecnoloxías da Computación da UCM e presidente do Comité Asesor Externo do CITIC.
O encontro, orientado á busca de talento investigador mozo no eido das TIC, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Facultade de Informática da UDC, a Universidade de Oviedo, a Universidade Politécnica de Madrid, a Universidade de Porto e Atlanttic da Universidade de Vigo. Os premios están financiados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Clúster TIC de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Fundación CITIC de Galicia e as cátedras institucionais da Facultade de Informática.

PUBLICIDADE