Xercode contribúe á plataforma de empréstamo de libros electrónicos da Universidade de León
venres, 20 de marzo do 2015
A Universidade de León
(ULE) conta dende finais do mes pasado coa plataforma Grial (Xestión
de Recursos de Información Accesíbeis en Liña) para empréstamo de
libros electrónicos e intercambio de publicacións científicas.
Detrás de Grial atópanse o Consorcio de Bibliotecas Universitarias
de Castela e León (BUCLE) e empresa galega Xercode, entidades que
tamén estiveron representadas no acto oficial de presentación en
León dunha plataforma cuxa primeira instalación se fixo na
Biblioteca da Universidade de Salamanca.
En que
se beneficiarán os usuarios da biblioteca? Pois poderán acceder,
mediante a Plataforma Grial, á
descarga e lectura de documentos dende calquera dispositivo, así
como á lectura en liña dos contidos mediante streaming
accedendo á web da plataforma,
ou a través da biblioteca
universitaria.
No acto de presentación
de Grial, celebrado na Biblioteca San Isidoro, salientouse a
importancia da colaboración entre universidades para o
desenvolvemento da Plataforma, que permite pór en acceso público
aos seus usuarios máis de 2.300 títulos propios a través de
intercambio universitario.
O vicerreitor
de Investigación, Alberto Vilena Cortés, comentou que “os
sistemas electrónicos van facer posíbel que a través da web se
poida ter acceso a unha grande nube que nos permitirá abrir un campo
moitísimo máis amplo do que dispoñíamos até o de agora”.
A Plataforma Grial súmase
así ás plataformas xa existentes noutras universidades creadas coa
tecnoloxía galega XeBook, que permite o empréstamo aos usuarios e o
intercambio científico interuniversitario. Tecnoloxía da que xa
gozan, amais das Bibliotecas de Bucle, as Bibliotecas Universitarias
de Santiago de Compostela, Murcia e Cádiz.