Xerais afianza a súa andaina no Kindle

luns, 17 de decembro do 2012 Redacción

Kindle, o lector de libros electrónicos de Amazon, unha das estrelas do Nadal en cuestión de agasallos para seareiros da lectura, comezou a súa andaina oficial cos nosos grandes selos de publicación. A editorial Xerais vén de lanzar os seus primeiros libros electrónicos para o devandito lector Kindle, entre os que se contan, por un custe que anda arredor dos 10 euros, Tonas de laranxa de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, ou Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz. Asemade, Galaxia achega xa Esperando ao leiteiro, de Xosé Neira Vilas.
Segundo informa o editor Manuel Bragado acerca desta aposta de Xerais, con estes lanzamentos en Kindle, iníciase “así en Xerais un catálogo literario electrónico, creado en formato e-pub, que será distribuido en diversas librarías dixitais (polo de agora en Amazon, axiña en Apple e Todoebbook) no que incluiremos de forma sistemática as novidades de Narrativa, Poesía e Ensaio, ao tempo que iremos recuperando algúns títulos esgotados en formato impreso".
A maiores, Xerais anuncia que prepara lanzar en formato dixital unha serie de volumes que xa estaban esgotados en formato tradicional.

PUBLICIDADE