Windows 365 chega ao mercado

martes, 3 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O anuncio de Windows 365 como un servizo de computación na nube de Microsoft é a ratificación da grande aposta pola virtualización de escritorios informáticos que están a facer os xigantes tecnolóxicos, e por fin inician a comercialización deste produto, de xeito que podemos coñecer as condicións da súa comercialización.
Este novo xeito de empregar Windows 10 (ou Windows 11, dentro duns meses) consiste en empregar un ordenador virtual directamente dende un navegador web ou unha aplicación cliente, de xeito que as aplicacións, os datos e a configuración do equipo están sempre na nube, polo que podemos mudar de lugar de traballo e dispositivo sen que nada cambie, gozando incluso de arranque instantáneo. Windows 365 funciona actualmente dende Windows, Mac, iPad, Android e, proximamente, dispositivos con Linux, e ofrecerase baixo distintas condicións a empresas en función do seu tamaño, poñendo a barreira entre versións nos 300 empregados.
Como exemplo de prezos temos que a opción máis económica correspondería a un equipo virtual con 2 GB de RAM e 64 GB de almacenamento a un prezo de 18,20 ou 21,90 euros/mes (a opción máis económica correspondería a escenarios nos que a máquina virtual fose a correr baixo a edición profesional de Windows 10), mentres que un equipo con 8 procesadores virtuais, 32 GB de RAM e 512 GB de almacenamento podería chegar até os 143,90/147,50 euros/mes.
Fronte a outras solucións de escritorios virtuais Windows 365 tería como vantaxe unha maior optimización para as aplicacións ofimáticas de Microsoft, así como para as súas numerosas ferramentas de xestión corporativa.

PUBLICIDADE