Windows 10 estrea versión preliminar para móbiles

xoves, 12 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Windows 10 leva xa bastantes meses na súa versión preliminar, de xeito que moitos usuarios de todo o mundo están a probar o futuro sistema operativo de Microsoft en tabletas e ordenadores persoais, e a partires de hoxe xa é posible facer o mesmo en dispositivos móbiles, de xeito que os usuarios de certos terminais con Windows Phone 8.1 poden actualizar á versión preliminar de Windows 10 para móbiles, o que permite realizar un primeiro achegamento a esta actualización de Windows Phone que comparte a parte central do seu código con ordenadores e tabletas, o que facilitará que poidamos ter unha mesma aplicación funcionando en distintos dispositivos (o que debería simplificar a vida aos usuarios, que non deberían aprender a manexar varias aplicacións distintas segundo o trebello que empreguen en cada momento).
Esta versión preliminar de Windows 10 para móbiles están a estrearse con bastante antelación, polo que aínda non é estable e está dispoñible para poucos terminais (principalmente de gama media e baixa) de xeito que iranse ampliando o número de teléfonos compatibles segundo vaian actualizando o código desta versión de proba que, por fortuna, facilitará o seu salto atrás (paso que tende a ser problemático).
Entre os terminais incluídos nesta versión de proba estarían inicialmente os Lumia 630, 635, 636, 638, 730 e 830, e entre os idiomas para os que está dispoñible figuran o español e o catalán, e como novidades que podemos ver con respecto a Windows Phone 8.1 teríamos que no menú de inicio a imaxe de fondo pasa a estar realmente no fondo (e non nas baldosas), o centro de actividade incrementa o número de accións rápidas, as notificacións incorporan interactividade (por exemplo, poderase responder a unha mensaxe de texto dende a propia notificación), mellora considerablemente a capacidade de conversión de voz a texto e a aplicación de fotografías tamén mellora considerablemente (e facilitará a agregación de imaxes locais e en OneDrive).
Para comprobar as bondades das aplicacións universais tamén advirten que xa podemos probar as posibilidades dos novos Word, Excel e PowerPoint para Windows 10 (que serán de balde para teléfonos e tabletas de pequeno tamaño), á vez que tamén dan conta das melloras das aplicacións de correo e calendario (que van na liña da última aplicación de Office, pero engadindo funcionalidades de edición avanzada ao correo electrónico, o que pode resultar moi interesante para usuarios profesionais).
Cortana tamén estará presente tanto en teléfonos como no escritorio, polo que os xeitos de interactuar cos nosos dispositivos poderían mudar considerablemente nos vindeiros meses.
Polo momento estamos só ante a primeira versión de proba pública de Windows 10 para móbiles, polo que haberá que agardar para que poidamos ver todo o que dá de si esta prometedora actualización de Windows Phone 8.1 que posiblemente non poderemos ver en todo o seu esplendor até que lancen novos terminais insignia da familia Lumia (que leva moitos meses sen incorporar terminais de alta gama).


Vídeo de presentación da versión preliminar de Windows 10 para móbiles

PUBLICIDADE