WhatsApp está a probar ferramentas de comunicación para empresas

xoves, 9 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Cando WhatsApp eliminou as súas cotas de subscrición anuais deixou claro que non tiñan a intención de cobrar aos usuarios finais, orientando o seu negocio ás empresas, que poderían aproveitar a súa plataforma como unha alternativa ás mensaxes de texto, pero polo momento non vemos emerxer ese modelo de negocio, o que podería mudar en breve segundo comenta Reuters, xa que estarían a probar un servizo de comunicacións cunha serie de empresas da incubadora Y Combinator, o que podería indicar o camiño que seguirá WhatsApp para tirar proveito económico dun servizo con preto de mil millóns de usuarios activos a nivel mundial.
Un dos negocios potenciais de WhatsApp sería permitir que as empresas puidesen contactar cos seus clientes a través de WhatsApp, o que é todo un reto xa que precisan establecer medidas que eviten a publicidade non desexada.
Tamén están a traballar en canles de comunicación entre certas compañías (como liñas aéreas ou entidades bancarias) que poderían aproveitar o WhatsApp como un xeito de evitar fraudes ou informar de incidencias de xeito automatizado.
En calquera caso, dende Reuters apuntan que as probas desenvolvidas actualmente aínda están nunha fase inicial, de xeito que non parece que vaia ser inminente a estrea dos moi demandados servizos profesionais a través de WhatsApp (o que levou a que moitas compañías ofrezan de xeito irregular ese tipo de servizos, con bastantes dificultades por vulnerar as condicións do servizo para usuarios particulares).

PUBLICIDADE