WhatsApp a piques de ser bloqueado no Brasil

venres, 27 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O xuíz Raimundo Alencar anunlou a suspensión do servizo de WhatsApp no Brasil

Un grande rebumbio provocouse no Brasil despois de que transcendese a nova de que o xuíz Luiz de Moura Correia decidiu suspender o uso da aplicación WhatsApp en todo o Brasil, o que disparou as altas en Telegram (que rexistrou 2 millóns de novos usuarios brasileiros en 20 horas) pero finalmente o sangue non chegou ao río, e os xuíces José Ribamar Oliveira e Raimundo Nonato da Costa Alencar, do Tribunal de Xustiza de Piauí (TJ-PI) anularon onte os efectos da decisión anterior, por considerar que a medida que pretendida podería causar danos irreversibles para o servizo e os seus usuarios.
A suspensión de WhatsApp determinárase o pasado 11 de febreiro en consecuencia á actitude da compañía norteamericana a achegar información solicitada pola Central de Intelixencia da Policía de Piauí, encargada de investigar os casos de pederastia na Internet. O maxistrado Luiz de Moura Correia decidira dar instrucións aos operadores de telecomunicacións brasileiros para bloquear o funcionamento de WhatsApp mentres non atenderan ás demandas das autoridades, pero a decisión foi recorrida ao día seguinte, e agora o recurso aténdese dando a razón ás empresas que non consideran axeitada unha medida tan drástica (de feito, a propia filial de Telefónica no Brasil alegou que non tiña xeito de suspender o servizo de WhatsApp en só 24 horas tal e como solicitara o xuíz inicialmente).
O xuíz Oliveira asegura que “a medida de suspensión dos servizos de WhatsApp non atende ao requisito de proporcionalidade en sentido estrito”, pois as medidas esixidas non afectarían só a Telefónica Brasil senón a “toda a sociedade brasileira”. O maxistrado tamén critica duramente a WhatsApp, xa que a empresa está a ignorar as solicitudes da Xustiza Brasileira co único argumento de non ter oficinas no seu país.
Pola súa banda o maxistrado Alencar afirma que a decisión de non bloquear o uso de WhatsApp no Brasil non supón que a compañía non estea obrigada a achegar a información solicitada pola Xustiza, e a postura da empresa norteamericana supón todo un “atentado contra a soberanía” do Brasil, xa que dá a entender que a Rede é unha terra de ninguén.

PUBLICIDADE