Volve en febreiro a formación de Vitae na metodoloxía de xestión PMI 6
martes, 7 de xaneiro do 2020
Para
abordarmos proxectos tecnolóxicos, dicir que a nosa intención é
facer simple o complexo é un bo xeito de comezar. O problema é como
levalo á práctica. Ou sexa, como conseguir que o noso equipo humano
estea de abondo motivado e comunicado, como definir do mellor xeito
posíbel os obxectivos que se perseguen, como entender as necesidades
dos nosos clientes e usuarios e como saber cales son as metodoloxías
de traballo que achegan máis sinxeleza e claridade. Un xeito
inmellorábel de asegurar as mellores respostas é mergullarnos na
metodoloxía de xestión PMI. A respecto disto, en Galicia contamos
cun referente formativo neste eido: o
Curso de Dirección e Xestión de Proxectos baixo a Metodoloxía PMI
6 que organiza regularmente a consultora Vitae e que os vindeiros
días chegará á súa edición 19.
A
nova entrega do curso celebrarase en Vigo (no Centro Social
Afundación de Abanca) os días 7, 8, 14, 15, 21, 22 e 28 de
febreiro, en horario de tarde (os venres) e de mañá (os sábados).
O obradoiro é válido para o exame de Certificación PMP do PMI.
Serán 35 horas de sesións de adestramento teórico pero sobre todo
práctico.
Segundo
informa Vitae sobre os porqués desta xa histórica actividade
formativa e a súa finalidade, esta baséase na necesidade de
combater con pautas claras e doadas de aplicar unha das grandes eivas
do noso tempo en materia laboral: a gran complexidade que adquire
calquera proxecto que acometamos no ámbito das novas tecnoloxías e
a innovación en xeral.
A
respecto do devandito, a consultora lémbranos as condicións
desfavorábeis veñen por factores externos (crise económica,
conflitos sociais, cambios políticos, normas e regulamentos cada vez
máis restritivos) e tamén por condicionantes internos, por exemplo
unha meirande presión para o cumprimento de obxectivos, a procura
constante dunha meirande eficiencia (obter máis con menos elementos
en xogo), a limitación de recursos ou procura a tempo completo de
novos mercados e áreas de negocio.
Tendo
en conta todo o que se acaba de sinalar, explica Vitae, “os
proxectos non só se volven máis difíciles de levar a cabo, senón
tamén máis incertos; sendo a incerteza un factor que pode impactar
de maneira moi negativa na consecución do éxito dunha iniciativa
empresarial, xa sexa introducindo adiamentos, sobrecustes ou
corrupción do alcance”, o que nos obriga a ter en conta, ademais,
“a desmotivación dos membros da organización, a insatisfacción
por parte dos clientes así como o deterioro da imaxe externa da
organización”.
Sexa
como sexa, as boas prácticas recoñecidas internacional para a
dirección de proxectos, axudan e moito. Por exemplo achegando un
meirande nivel de certeza, ao fornecer aos profesionais que
desempeñan o rol de directores de proxecto dunha visión máis ampla
sobre as iniciativas nas que traballan, precisa para entender como se
interrelacionan co resto da organización e axudar na consecución
dos obxectivos estratéxicos. Neste senso, Vitae engade que “a
certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de
valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente
de proxectos debe considerase como unha competencia estratéxica das
empresas, xa que lles permite competir de maneira máis rendíbel e
áxil nos seus mercados, sustentar á organización e responder ás
consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a
cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a
optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a
actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para
quen non o saiba, a PMI (Project Management Institute) é a
organización máis recoñecida a nivel internacional na disciplina
da dirección de proxectos. Está integrada por máis de 600.000
profesionais de todo o mundo, expertos na xestión de iniciativas,
con independencia do tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples
sectores industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas
aplicadas e postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e
avaladas por milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en
miles de traballos de todos os ámbitos”.
En
termos máis concretos, o PMI acredita aos profesionais na dirección
de proxectos co certificado PMP (Project Management Professional), o
cal goza dun alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como
profesional altamente cualificado e demandando, na medida en que
aporta un coñecemento moi detallado para a dirección de
iniciativas, anticipando problemas, xestionando proactivamente a
incerteza e aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A
persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real,
licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de
ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do
Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de
iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste
ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de
xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de
adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas,
formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión
avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone,
Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de
Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.