Vodafone terá que devolver máis de 4 millóns de euros cobrados por desbloquear móbiles

martes, 17 de abril do 2018 Marcus Fernández

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou a sentenza de primeira instancia contra Vodafone a raíz dunha denuncia de ADICAE e a Fiscalía de Galicia ao considerar «nulas por abusivas as condicións xerais de contratación» polas que Vodafone cobrou indebidamente a 519.360 usuarios 6/8 euros (máis IVE) por liberar o seu teléfono móbil e contratar con outras compañías fóra do período de permanencia, o que considerouse un abuso destinado a coartar os dereitos dos consumidores e a súa liberdade para cambiar de compañía.
A nova sentenza aínda non é firme (cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo) condena a Vodafone a cesar coas prácticas denunciadas e a reembolsar o cobre indebido e a unha indemnización con gastos e intereses. Para facilitar que os consumidores poidan beneficiarse da resolución xudicial ADICAE habilitou unha plataforma en liña para que os afectados poidan adherirse á plataforma promovida pola asociación para reclamar os cartos cobrados indebidamente.
Estímase que Vodafone terá que devolver máis de 4 millóns de euros cobrados indebidamente, aínda que tamén cómpre salientar que boa parte das esixencias xudiciais xa non proceden, xa que os operadores abandonaron hai anos a práctica de vender teléfonos con bloqueo de operador en España.

PUBLICIDADE