Vodafone presenta en MWC tecnoloxías 5G que quintuplican a capacidade das redes previas

luns, 27 de febreiro do 2017 Redacción

Finalmente comeza hoxe, e até o 2 de marzo, o Mobile World Congress 2017. Na cita da FIRA de Barcelona, referencia mundial para a industria de telecomunicacións (operadoras, fabricantes, distribuidores, fornecedores de servizos e contidos, etc), Vodafone comeza especialmente forte presentando unha serie de novidades importantes. Por unha banda, a incorporación de tecnoloxías 5G á rede súa 4G, novas solucións que reducen a latencia en 5 veces e quintuplican a capacidade das 4G.
Un destes recursos é a tecnoloxía de radio M-MIMO (Massive MIMO), que en virtude de atesourar as devanditas características, terá especial utilidade en situacións de concentración masiva de smartphones, “xa que optimiza a capacidade e velocidade de transmisión de datos para cada usuario de maneira simultánea”. Ademais, engade a operadora, non require do emprego de espectro adicional, xa que optimiza o espectro existente. Por outra banda, sería compatíbel cos terminais que están no mercado.
Vodafone ten programado achegar estes días dende MWC unha demostración de M-MIMO nunha rede comercial. Esta, explica a compañía, dará capacidade e cobertura a un grupo de usuarios nunha zona específica no exterior do recinto. Na caseta de Vodafone un mapa actualizado exporá as súas velocidades de descarga, así como o rendemento e a eficiencia da cela Massive MIMO.
Outra das tecnoloxías a presentar por Vodafone será CrowdCell, un desenvolvemento destinado a permitir máis eficiencia e sustentabilidade no despregue de redes, ao tempo que máis ubicuidade. Segundo está a explicar a operadora dende MWC, CrowdCell estará dispoñíbel en dispositivos portátiles de todo tipo, “converténdoos en emisores de rede con software de código aberto e compoñentes de hardware de baixo custo”. Ademais, informa Vodafone, os dispositivos con tecnoloxía CrowdCell poderán ser controlados de xeito automático pola intelixencia de rede da compañía de telecomunicacións, que estará asentando así o alicerce preciso para “estender a capilaridade da rede 4G cara a novos espazos e mellorar así a calidade de servizo, incrementando as velocidades medias de acceso”.
Por certo que para ultimar detalles desta tecnoloxía, a empresa de telecomunicacións xa está a desenvolver unha iniciativa piloto con 30 clientes de seu cun router CrowdCell que amplifica a cobertura 4G con velocidades de ata 100 Mbps en descarga. “Así”, explica a operadora, “é posíbel fornecer servizo até a 32 usuarios de maneira simultánea”. Este piloto ten previsto amplificarse de cara á súa aplicación a gran escala, e proseguirá con clientes residenciais e PEME, mellorando a cobertura de interiores.
NB-IoT en seis cidades do ámbito estatal
Por outra banda, e a maiores de todo o devandito, Vodafone tamén dá a coñecer na apertura do salón do móbil de Barcelona que a primeira rede comercial de NB-IoT (polas súas siglas en inglés Narrow-Band Internet of Things, traducíbel por Banda Estreita da Internet das Cousas) do mercado español xa está dispoñíbel en seis grandes cidades: Barcelona, Bilbao, Sevilla e Málaga, amais de Madrid e Valencia, que xa contaban con esta tecnoloxía desde xaneiro.
Como lembraremos, NB-IoT fornece unha serie de potencialidades importantes no que atinxe á conectividade dos dispositivos situados en zonas de pouca cobertura, baixo terra ou en lugares de difícil acceso. Ademais, pódese utilizar para conectar diferentes categorías de produtos como contadores de gas e de auga, colectores intelixentes, alarmas de incendio, parquímetros e outro tipo de sensores.
Antes do 31 de marzo, Vodafone España contará con máis de 1.000 estacións de rede actualizadas con tecnoloxía NB-IoT. Cada estación base poderá conectar máis de 100.000 dispositivos á Internet das Cousas. A idea da operadora é “situarse como pioneira na introdución dunha tecnoloxía que creará un novo ecosistema de aplicacións e que transformará os sectores de industria, agricultura e servizos das Cidades Intelixentes”.
Máis e mellor rede 4G
Por último, Vodafone España tamén dá a coñecer coa apertura do MWC que continúa actualizando a súa rede 4G. A idea é abranguer ao 96% da poboación o vindeiro 31 de marzo. En concreto, 4.200 municipios (1.200 municipios máis que hai un ano) poderán gozar da banda larga móbil ultrarrápida da operadora. Esta mellora da cobertura contempla todos os municipios de máis de 15.000 habitantes e o 95% de máis de 5.000 habitantes.
Ademais, 600 novos concellos beneficiaranse dos servizos 4G coa frecuencia de 800Mhz que mellora a cobertura especialmente nos interiores dos edificios. Desta forma, a cobertura 4G 800Mhz alcanza 2.600 municipios.
Lembrar tamén que a día de hoxe o 4G+ de Vodafone está dispoñíbel en 1000 municipios (incluíndo as principais capitais de provincia), con velocidades de ata 350Mbps (que chegarán a 400Mbps durante este ano) en virtude de agregación de tres frecuencias de LTE: 800, 1800 e 2600 Mhz.

PUBLICIDADE