Vodafone e o Real Club Celta de Vigo estreitaron o seu acordo de colaboración

xoves, 16 de maio do 2013 Redacción

O pasado mes de abril, o Real Club Celta de Vigo e Vodafone España estreitaron un pouco máis o seu acordo de colaboración, un achegamento formalizado en agosto de 2012 e que permitiu, entre outras cousas, o desenvolvemento de varias iniciativas conxuntas de proxección mutua (Vodafone mellorou a cobertura de Balaídos, forneceu de entradas de balde para os partidos entre os seus clientes, amais de entregar material publicitario do equipo galego, asinado polos xogadores, nos colexios da contorna, entre outras cousas).
O paso dado este mes de abril no camiño dunha meirande colaboración diríxese a posibilitar que aboados e seareiros reciban ao longo da tempada agasallos tecnolóxicos, da man da operadora, como por exemplo smartphones de última xeración. Este poderanse recoller no estadio e máis nas tendas de Vodafone na provincia de Pontevedra. A liña de agasallos completarase con camisetas oficiais do club e material de promoción extra asinado polos xogadores.
Eduardo Bastarós, manager da unidade de negocio de particulares de Galicia de Vodafone España, comentou ao respecto deste novo acordo e dos obxectivos da operadora: “Con esta innovadora iniciativa Vodafone amosa unha vez máis o seu compromiso co celtismo. Sendo como é o noso compromiso estar preto dos nosos clientes, cremos que a través do fútbol e, nesta ocasión, o Celta de Vigo poden axudarnos a conseguir este obxectivo”.

PUBLICIDADE