Vodafone Connecting for Good Galicia repartiu 35.000 euros en premios

mércores, 25 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Onte a Cidade da Cultura acolleu a cerimonia de peche da segunda edición do programa Vodafone Connecting for Good Galicia, destinado a impulsar, fortalecer e mostrar proxectos tecnolóxicos da nosa terra con vontade solidaria e social. Amais dos datos que achegamos dende Código Cero, centrándonos nas declaracións dos participantes na clausura, no transcurso da mesma, a dita operadora de telecomunicacións e o Goberno galego deron a coñecer que o programa concedeu 35.000 euros aos mellores proxectos tecnolóxicos da súa convocatoria 2017. O acto foi presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde López e contou coa presenza do director de Administracións Públicas de Vodafone, Carlos Becker, e do director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.
Como lembraremos, os seis proxectos participantes da segunda edición foron 3DAcoustic, It!, Formadox, Mediación Móbil, Sense(z) e Tapper. Desta media ducia de iniciativas tecnolóxico-solidarias, a Xunta (a través de GAIN) concedeu unha axuda de 25.000 euros ao mellor proxecto da convocatoria “polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha”. O proxecto finalmente elixido foi It!, empresa de fabricación 4.0 que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñaría aplicada. A firma ten como obxectivo “achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu mercado en liña, o It!Market, e o seu laboratorio creativo na Coruña, o It!Lab.
Ademais, a Fundación Vodafone España outorgou ex aequo o Premio Conectados pola Accesibilidade, valorado en 10.000 euros, aos proxectos 3DAcoustic (que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa), e Sense(z) (dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios, mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos a inxerir).
Todos os proxectos participantes recibiron o diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e asesoramento que se impartiu no espazo Vodafone Connecting for Good, emprazado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
No acto celebrado onte anunciouse tamén a apertura da terceira edición da iniciativa, á que se poden presentar as candidaturas desde o 7 de maio até o 31 de xullo. Máis información en: http://www.fundacionvodafone.es/premios/premios-connecting-good-galicia.
Como lembraremos, Connecting for Good Galicia vén da man da Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A finalidade do programa é “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación, as TIC, en Galicia”.

PUBLICIDADE