Vitae organiza en novembro a edición 47 do seu histórico curso sobre xestión de proxectos áxiles con Scrum

martes, 3 de outubro do 2023 S. P.

Entre os recursos dos que podemos botar man para ser profesionais excelente do ámbito tecnolóxico-informático atopamos, polas moitas vantaxes que ofrece, as metodoloxías de traballo áxil coas técnicas Scrum. Esta é a temática dun dos cursos máis veteranos e prestixiosos da consultora galega Vitae, que ofrece este mes de novembro a 47 edición do Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos Áxiles con Scrum. Terá 16 horas de duración e celebrarase en formato de aula virtual.
O curso é unha actividade formativa que nos axudará a acadar a máxima calidade nos nosos proxectos TIC, e, tamén, a garantir a máxima satisfacción entre os nosos clientes e os usuarios dos nosos produtos. Virá da man, unha vez máis, da formadora Josefina Alonso.
O curso, que achega a opción de Certificación Scrum Manager Nivel Experto, celébrase online, na aula virtual de Vitae, os días 6, 8, 10, 13, 15 e 17 de novembro de 2023.
Segundo recalcan dende Vitae Consultores, estamos ante unha actividade formativa de 16 horas que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Vitae engade que a orixe do obradoiro está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, nos beneficios de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE