Vitae axúdanos en marzo a lograr os equipos TI máis motivados e eficientes

martes, 8 de febreiro do 2022 S. P.

Vitae Consultores, a través da súa aula virtual, vai desenvolver nesta recta inicial de 2022 a segunda edición dunha actividade formativa destinada a mostrarnos como coordinar e xestionar do mellor xeito posíbel ao noso equipo de profesionais TIC, poñendo o foco nos importantes beneficios que xera un bo ambiente de traballo: rendibilidade, coordinación, prestixio, eficacia, eficiencia, calidade de vida e, por suposto, resultados empresariais óptimos. Trátase do curso Liderado e xestión de equipos en proxectos TI áxiles, segunda edición, unha actividade de dez horas de contidos prevista para os días 8, 11, 15 e 18 de marzo.
Segundo informa a consultora galega, estamos ante un curso deseñado para atender as nosas necesidades actuais, diferentes xa das que había antes da pandemia: “O escenario mudou e precisamos afianzar e desenvolver as novas formas de traballar e aprender”. Neste contexto, sinala Vitae, o papel do líder, así como das relacións entre os integrantes do equipo, resulta fundamental para que os proxectos tecnolóxicos poidan acadar o éxito.
A consultora recorda que as organizacións dispoñen de coñecemento técnico, pero “no momento en que un profesional pasa a xestionar proxectos require dunha serie de habilidades para exercer a coordinación do equipo, a comunicación cara aos seus membros e cara aos seus responsábeis, evitar conflitos, etc”. Para a consultora galega, a xestión destes grupos de traballo é unha “parte nuclear” da xestión de proxectos, por iso os mellores líderes son os que contan “coas habilidades sociais precisas para a xestión de equipos”.
O curso está dirixido a calquera persoa que queira mellorar en liderado e en xestión de equipos TI (Tecnoloxías da Información).
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE