Vitae adéstranos en Vigo perante posíbeis ciberataques á nosa información

martes, 17 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Que facer ante un incidente de seguridade TIC? Saberíamos seguir o protocolo establecido ante unha investigación relacionada cun roubo de información? Cales son as medidas máis axeitadas de prevención que podemos aplicar nunha empresa para evitar a perda de datos? Estas e outras preguntas van ter resposta no obradoiro que prepara a consultora Vitae para os meses de maio e xuño: unha actividade formativa que nos adestra e nos prepara para ser bos custodios de tecnoloxías e coñecemento.
Entre outras cousas, ao rematar o curso teremos a capacidade de saber actuar ante incidentes de seguridade en activos TI dende o punto de vista legal e de procedemento, fortalecendo a nosa capacidade para axudar nunha posíbel investigación tecnolóxica por parte das autoridades. A nova edición do curso Protocolos ante Ciberataques e Incidentes en Seguridade TIC vaise celebrar en Vigo os días 25 e 26 de maio e 1 e 2 de xuño. Serán 20 horas de contidos.
Aprenderásenos, como dixemos, a sabermos actuar en caso de incidente TI, os pasos que cómpre dar para facilitar unha solución e encarreirar unha posíbel investigación, distinguir entre incidentes que constitúen delito e os que non, ou poñer en práctica medidas que eviten roubos de información.
Segundo sinala Vitae Consultores, hoxe en día é especialmente relevante para moitos profesionais TI contar cos coñecementos (tecnolóxicos, técnicos, legais, de procedemento) e as habilidades máis avanzadas en materia de protocolos e accións a seguir a prol da ciberseguridade. “Cando os ingresos proveñen de Internet ou das TIC, ou cando os servizos empréstanse pola Rede ou a través das TIC, ou cando na produción industrial utilízanse de maneira importante as novas tecnoloxías da información, as empresas e os organismos están a concienciarse da importancia de asegurar estes activos”, lembra Vitae a propósito da importancia dos contidos do devandito curso para os nosos profesionais. A actividade formativa está dirixida, sobre todo, a administradores de sistemas TI responsábeis da seguridade e a administración de activos informáticos ou a calquera profesional que teña responsabilidade sobre estes activos.
O seminario abranguerá 20 horas de formación en catro xornadas de cinco horas. Os venres o horario será de 16.00 a 21.00 horas e os sábados de 9.00 a 14.00 horas. O lugar elixido para o desenvolvemento do curso é o Centro Social Afundación de ABANCA, na rúa Policarpo Sanz de Vigo. O encargado de impartir os contidos será novamente Gonzalo Sotelo, responsábel do equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra. Sotelo é diplomado en Policía Xudicial pola Universidade Complutense e en Investigación Tecnolóxica pola Garda Civil, Europol e Interpol. É formador en cursos relativos á seguridade informática e a investigación tecnolóxica. A día de hoxe é garda civil e exerce como responsábel do devandito equipo pontevedrés dende a súa creación en 2003.

PUBLICIDADE