Vitae achéganos unha nova oportunidade de formarnos en React e Redux

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

O desenvolvemento de software, coma calquera outra ou tarefa, está suxeito a múltiples condicionantes que afectan positiva ou negativamente a todos os treitos do camiño, dende a orixe do proxecto até a súa resolución. Así, de escoller unha determinada ferramenta de traballo, poderemos non só rematar antes senón tamén coordinar mellor o noso equipo (repartir dunha maneira máis óptima as tarefas) e termos un mellor acadado final do produto. Sobre este último punto, o do acabado, elixir os recursos de desenvolvemento máis axeitados pode significar a diferenza entre obter produtos estáticos ou vivos (dinámicos, flexíbeis, con capacidade de evolución, doados de xestionar e de testar). A cuarta edición do Curso React e Redux: Desenvolvemento frontend moderno que organiza a consultora Vitae en Vigo (23 e 24 de febreiro, 2 e 3 de marzo) garántenos chegar a bo porto nos devanditos procesos e obxectivos.
Segundo informa a organización do obradoiro, React é unha libraría Javascript para construír interfaces de usuario que nos facilitan ao máximo a creación de compoñentes personalizados. A maiores, sinala a consultora, “é extremadamente eficiente e flexíbel” e ten capacidade para afacerse a novas contornas e necesidades. Por outra banda, atesoura recursos para xestionar a vista e os seus estados de xeito sinxelo, “o que incrementa a produtividade no desenvolvemento de aplicacións”.
Respecto da súa orixe, React foi materializada e mantida por Facebook, e arestora é unha ferramenta en proceso de rápido espallamento. Está a ser empregado pola devandita rede social e por outras de primeiro nivel como Instagram, Netflix, Paypal, Imgur, Feedly ou Airbnb. Por outra banda, é código aberto, polo que conta con respaldo de desenvolvedores de todo o mundo, garantindo o seu bo funcionamento e a súa axeitada evolución.
Redux, pola súa banda, é un contedor de estado que funciona de maneira preditiva e que nos axuda a xestionar o estado dunha aplicación cando esta incrementa a súa complexidade. En parte foi posta en funcionamento por Flux, que é o patrón de arquitectura de aplicación que empregan Facebook e outras moitas compañías no desenvolvemento de aplicacións React.
“Neste curso”, explican dende a consultora, “o alumno aprenderá a empregar estas tecnoloxías, xunto con outras como o xestor de paquetes de Node (npm) e Webpack para aumentar a súa produtividade ao ser quen de desenvolver aplicacións modernas que sexan flexíbeis e sinxelas de manexar, manter e probar”.
Este obradoiro insírese na estratexia de Vitae a prol de mellorar a formación e capacitación dos nosos profesionais e empresas no sector das novas tecnoloxías da información, centrándose na mesma medida nos aspectos humanos e organizativos que nos aspectos tecnolóxicos.
O encargado de impartir estes contidos será Félix Horro Pita, enxeñeiro técnico en Informática e profesional con máis de 13 anos de experiencia como programador na empresa Corunet, amais de co-desenvolvedor de grandes proxectos para empresas do talle de Inditex, Abanca ou BricoKing.

PUBLICIDADE