Vigo obtén un novo recoñecemento ao seu proxecto de Cidade Intelixente

martes, 15 de decembro do 2020 Redacción

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, na presentación da aplicación móbil municipal

O Concello de Vigo vén de obter un relevante recoñecemento pola súa plataforma Vigo Cidade Intelixente e o proxecto rutas interactivas. Trátase do galardón internacional Premio IDC de Smart Cities & Communities, que a cuarta distinción que acada a cidade galega pola súa estratexia de transformación tecnolóxica. En concreto, recoñécese con este novo premio o emprego de tecnoloxías intelixentes para optimizar os servizos municipais.
Provedora global de intelixencia de mercado, servizos de asesoría e eventos para as tecnoloxías da información, consumo e telecomunicacións, a compañía americana IDC (International Data Group) resolveu o pasado 10 de decembro a segunda edición do certame e seleccionou os mellores proxectos de Europa e Asia Central en distintos ámbitos. Vigo foi elixida na categoría Planificación e administración urbana sustentábel, que engloba ás urbes que empregan tecnoloxías avanzadas para mellorar a toma de decisións e optimizar os servizos municipais.
En rolda de prensa, o alcalde Abel Caballero explicou que a proposta viguesa galardoada incluía os proxectos municipais de Smartcity VCI + 2.0 (a Plataforma Vigo Cidade Intelixente) e o novo proxecto de rutas interactivas, recentemente presentado polo propio Caballero. Ambos, engadiu, foron impulsados con fondos FEDER da Unión Europea, dentro da estratexia DUSI do Vigo Vertical.
Tamén lembrou que se trata da cuarta distinción que acumula a iniciativa smart da cidade, unha chuvia de galardóns que comezou en 2015 co Premio Galicia e do Premio Nacional Smart City de SocInfo, mentres que o pasado ano 2019 o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades recoñeceu a Vigo como Cidade da ciencia e a innovación e, no mesmo ano, a urbe foi Premio Cidadáns pola aplicación móbil Vigo, recoñecida como “unha das ferramentas móbiles mellores e máis completas dunha cidade española”.

PUBLICIDADE