Vigo contará cun servizo de carsharing en breve

xoves, 9 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O vehículo eléctrico que se usará para este servizo é o Renault Twizy


O carsharing ou servizo de vehículos compartidos, é un modelo de aluguer por horas que malia que para nos é descoñecido, noutras cidades de España como Madrid ou Barcelona, xa leva tempo funcionando con bastante éxito.
Trátase dun sistema de aluguer de vehículos por períodos curtos de tempo (non máis de varias horas) ideal para persoas que fan un uso ocasional do coche, ou tamén para aquelas que desexan probar un modelo distinto e ir variando de cando en vez.
Pois ben, dirixidos a estes clientes potenciais no noso país, en especial aos segundos, a empresa galega Teixuapps, en colaboración con Bluemovility e o Concello de Vigo, están a traballar nun novo servizo de carsharing público para a Cidade Olívica, mediante o que se alugarán vehículos eléctricos para realizar desprazamentos a baixo custe.
Mediante este servizo de “mobilidade intelixente” como eles o cualifican, as persoas usuarias poderán acceder aos vehículos, situados en diversos puntos de estacionamento e carga, despois de terse dado de alta na aplicación móbil creada por Teixuapps.
Os coches, con capacidade para dúas persoas, teñen unha autonomía de 200 km, polo que son idóneos para moverse pola cidade e os seus arredores sen gastar combustible e sen danar a capa de ozono.
O vehículo eléctrico que se usará para este servizo é o Renault Twizy, caracterizado polo seu reducido tamaño e o seu manexo útil. No proxecto acordouse que Bluemovility se ocupe da infraestrutura dos puntos de carga, Teixauapps do desenvolvemento da tecnoloxía móbil e o Concello de Vigo doará zonas específicas para cargar os vehículos.

PUBLICIDADE