Vigo acollerá do 21 ao 23 de xuño as xornadas nacionais de investigación en ciberseguridade JNIC 2023

venres, 9 de xuño do 2023 S. P.

Organizadas polo Centro en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e Gradiant, as ‘Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad’ son o principal encontro científico-técnico sobre ciberseguridade a nivel estatal.
As ‘VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad’, JNIC 2023, celebraranse do 21 ao 23 de xuño na Sede AFundación de Vigo. As JNIC’2023 están organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e o centro tecnolóxico Gradiant, co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridad, INCIBE.
Estas xornadas preséntanse como un foro científico-técnico de presentación de contribucións relevantes e recentes en todos os campos relacionados coa ciberseguridade e as súas aplicacións. Trátase dun congreso que promove o contacto, intercambio e discusión de ideas, coñecementos e experiencias entre a rede académica e de investigación por unha banda, e profesionais e empresas pola outra. Servirá de escaparate dos últimos avances científicos na materia, á vez que será un foro de debate no que presentar perspectivas e enfoques innovadores en ciberseguridade, posibilitando a conexión entre a acción investigadora e innovadora e o desenvolvemento de produtos e servizos de valor para a sociedade. Investigadores e profesionais de diferentes puntos da xeografía española presentarán o resultado das súas investigacións científicas dende diversas perspectivas, coa ciberseguridade como nexo de unión.
Centraranse en tres eixes: investigación, transferencia e formación en ciberseguridade. Durante as tres xornadas do evento presentaranse traballos de investigación, haberá charlas, mesas redondas, sesións de póster, etc. Así mesmo, inclúen actividades orientadas a captación de talento, como un CTF (Capture The Flag) que se realizará en días previos ás xornadas e un CFF (Call For Flags) que se integra no apartado de formación. Ademais, as persoas participantes tamén terán a oportunidade de gozar doutras actividades como navegación pola ría de Vigo ou unha ruta guiada para coñecer os puntos de interese turístico máis importantes da cidade.
Nesta edición, ademais da valoración das contribucións científicas máis destacadas, púxose en marcha unha iniciativa para poñer en valor os mellores retos en ciberseguridade desde un punto de vista práctico. Os artigos científicos orixinais publicaranse en IEEEXplore e as versións estendidas dos artigos de máis calidade incluiranse nun número especial da revista Wireless Networks (WINET).
Programa das xornadas
A xornada inaugural, o mércores 21 de xuño, contará coa conferencia invitada “Air-Gap Security: Attacks and Defense” da man de Mordechai Guri, informático e investigador israelí con más de 20 anos de experiencia en seguridade cibernética para os sectores comercial, industrial e gobernamental. Neste primeiro día haberá diversos relatorios de investigación e transferencia nas que se abordarán cuestións como a ciberseguridade en contornas distribuídas, intelixencia artificial, técnicas de ciberseguridade e ciencia forense. Pola tarde celebrarase unha mesa redonda sobre tecnoloxías disruptivas e o rol da ciberseguridade organizada por Women4Cyber Spain.
O segundo día, xoves 22 de xuño, inclúe na axenda unha mesa redonda sobre o horizonte nas tecnoloxías cuánticas, organizada pola Cátedra R en Ciberseguridade, ademais de novas xornadas de transferencia e de investigación con temas como a xestión avanzada de riscos e seguridade. "As JNIC celebráronse por primeira vez en 2015 en León e tras pasar tamén por Granada, Madrid, San Sebastián, Cáceres e Bilbao chegan agora a Vigo reafirmándose como unha das citas fundamentais para o intercambio de coñecemento e experiencias no ámbito da ciberseguridade entre persoal académico, investigador e empresarial". O cartel da última xornada, venres 23 de xuño, complétase coa última das sesións sobre criptografía na era cuántica e coa conferencia invitada de Carmela Troncoso titulada “Privacidade por deseño: do papel á práctica” na que a investigadora experta en dixitalización falará, a través de varios exemplos, sobre a posibilidade de utilizar tecnoloxías pensadas para mellorar a privacidade (Privacy Enhancing Technologies) e combinarse en sistemas que permiten funcionalidades complexas sen necesidade de reunir nin procesar datos. Antes da clausura, farase entrega dos premios RENIC, Capture The Flag e Call For Flags.
Ademais da colaboración do INCIBE e do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, a organización das xornadas é posible grazas ao apoio de: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Nodo Galego de Ciberseguridade Ciber.gal, Consorcio da Zona Franca de Vigo, Seresco, Plexus Tech, Cátedra R en Ciberseguridade, Red de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridad (RENIC), ATOS, Optare Solutions, ViewNext, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC).
Toda a información sobre as inscricións no evento e o programa completo das xornadas pode consultarse na súa páxina web.