Verónica Bolón (CITIC) lidera un proxecto de algoritmos verdes para afrontar os nosos retos ambientais
mércores, 8 de febreiro do 2023
A
investigación en feminino ten un destacado papel no CITIC da UDC.
Máis do 30% do persoal investigador do Centro de Investigación en
Tecnoloxías da Información e das Comunicacións son mulleres, unha
porcentaxe por riba da media no sector TIC, no que o emprego feminino
ronda o 20% e no que as estudantes de Enxeñaría Informática non
supera o 15%. Un dos exemplos é o de Verónica Bolón, especialista
en Intelixencia Artificial (IA), que traballa hoxe nos algoritmos
verdes. Trátase dunha liña de estudo pioneira en Galicia e centrada
no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas baseadas en IA que
dean resposta aos desafíos medioambientais máis urxentes.
“O
noso obxectivo”, explica a investigadora do CITIC, “é aplicar
algoritmos verdes, ademais de intelixentes, tanto desde o punto de
vista do seu deseño como desde a busca de respostas a retos
medioambientais concretos, a eidos como o da eficiencia enerxética e
de recursos, a descarbonización ou a economía circular”.
Segundo
engade, a Intelixencia Artificial proporciona unha mellor análise da
información e da toma de decisións, o que se traduce nun mellor
seguimento das tendencias e impactos sobre o medio ambiente,
axudando, por exemplo, a reducir o consumo de enerxía e de recursos
ou a promover a descarbonización. Sen embargo, a pesar do gran
potencial da IA para dar solucións a estes retos, non hai que perder
de vista as ameazas que supón, como o elevado custo enerxético que
pode significar a súa construción e a preocupación por cuestións
como o potencial consumo eléctrico, que demandarán as TIC no 2030 e
outras ferramentas asociadas á cadea de bloques, a chamada
blockchain. “Neste contexto”, indica a investigadora, “os
algoritmos verdes, estreitamente relacionados con conceptos como as
Cidades Intelixentes ou a Computación na Nube, estarán dirixidos a
mellorar a sustentabilidade e a que as emisións de carbono de
Internet, e en particular da IA, sexan o máis baixas posíbel”,
aclara Verónica Bolón.
En
sintonía coa AESIA
O
Plan Nacional de Algoritmos Verdes forma parte do Plan de
Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Axenda España
Dixital 2026 e da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial,
cuxo obxectivo é promover o desenvolvemento da IA, sentando así as
bases para a creación dun ecosistema de excelencia que alberga a
investigación científica e a innovación, o desenvolvemento de
competencias e talento, a despregadura de plataformas de datos e
infraestruturas tecnolóxicas, a súa integración no tecido
económico, o fomento do seu uso no sector público e o
establecemento dun marco ético e normativo.
A
este respecto, o obxectivo principal da futura Axencia Española de
Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña,
é a regulación dos aspectos éticos relacionados co uso da IA en
diferentes sectores. “O noso proxecto”, apunta Verónica Bolón
do CITIC, “casa perfectamente coas directrices da Axencia ó
procurar que a IA sexa o menos agresiva posíbel co seu contorno”,
un dos propósitos do organismo de control en relación co
aproveitamento responsábel da IA.