VermisLAB converte a Intelixencia Artificial en elemento transversal da súa formación extraescolar

luns, 6 de setembro do 2021 S. P.

Sergio Dacal, de VermisLAB, finalista na última edición da Maker Faire Galicia, ideou unha man robótica controlada por intelixencia artificial e sensores musculares para axudar a persoas con certas discapacidades.

O proxecto compostelán VermisLAB, referente na divulgación de tecnoloxías maker (os seus integrantes son os principais impulsores do evento argalleiro Galicia Maker Faire), prepara nestes días previos ao inicio do curso un novo e decisivo paso en materia de formación. En concreto, trátase da integración da Intelixencia Artificial en todas as súas materias e para todas idades. Deste xeito, as actividades de formación extraescolar para nenas e nenos de 4 a 16 anos contarán coa IA como un dos elementos transversais.
Durante estas actividades extraescolares os/as alumnos/as poderán aplicar esta tecnoloxía a proxectos relacionados coa robótica, o recoñecemento de imaxes, a predición de fenómenos, o movemento autónomo ou a seguridade, “entre outras moitas cousas”, explican dende Vermis, engadindo que esta tecnoloxía consiste “nas habilidades que teñen algunhas máquinas de aprender e razoar coma os humanos, pero dun xeito moito máis áxil e eficiente”.
Desde VermisLAB consideran “fundamental achegar esta tecnoloxía o antes posíbel” ós máis pequenos e “facelo ademais dun xeito responsábel, xa que a nosa interacción con ela vai a ser constante e o futuro da humanidade pasa polo seu bo desenvolvemento e uso”.

PUBLICIDADE