Uniemprende presenta un curso en liña de emprendemento con perspectiva de xénero

martes, 18 de xuño do 2013 Redacción

Uniemprende, a estratexia para a creación de empresas da Universidade de Santiago, informou esta semana que está preparar un curso en liña directamente encamiñado a favorecer a creación de novas iniciativas de mercado, na nosa terra, a través dunha óptica que faga visíbel e recoñeza o papel das mulleres como empresarias e traballadoras e, tamén, destinatarias de novos produtos e servizos innovadores. Ou sexa, que falamos dunha actividade de formación en emprendemento que potencia o papel da muller en tódolos elos da cadea. Baixo o epígrafe Do coñecemento ao mercado: metodoloxía para o desenvolvemento dun plan de empresa con perspectiva de xénero, este curso (con información dispoñíbel en PDF) celebrarase entre os días 1 e 24 de xullo cunha carga lectiva de 40 horas e matrícula gratuíta. A data límite de inscrición é o 27 de xuño.
A actividade, informa Uniemprende, baséase na metodoloxía de “aprender facendo” coa que as participantes poderán desenvolver unha idea de negocio, lanzar un novo produto ou servizo nunha empresa xa creada ou explorar novos mercados. O modelo de traballo no que se baseará o programa é o desenvolvido polo proxecto innovatia 8.3, encamiñado a crear un modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica no contorno universitario. O curso, engade o departamento da USC, “está dirixido a persoal técnico que realice asesoramento nas Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), a persoal emprendedor real ou potencial, persoas interesadas na promoción de empresas de base tecnolóxica, integrantes de empresas de base tecnolóxica e persoal investigador universitario”.
A actividade está integrada por seis bloques temáticos nos que se mesturan os contidos teóricos coa realización de exercicios prácticos, a partir do desenvolvemento preliminar da idea de negocio e continuando polo estudo de mercado e catálogo de servizos ou produtos, a proxección do negocio e o plan de mercadotecnia e comunicación, o plano económico e financeiro, o desenvolvemento sustentable e outros factores que inciden no éxito da iniciativa como o plan de empresa, o resume executivo ou as presentacións eficaces.

PUBLICIDADE