Unha trintena de empresas e 75 relatores participan esta semana nas I Digital JAI

luns, 26 de outubro do 2020 S. P.

Esta semana tócanos falar de industria intelixente, que é un dos principais recursos cos que conta o noso tecido produtivo para lograr meirandes eficacia, eficiencia e sustentabilidade. Isto vén a conto porque este luns comezou (desenvolvéndose até o venres) a edición virtual das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial da Universidade de Vigo, as I Digital JAI, na que van participar unha trintena de empresas e 75 relatores, incluíndo un programa de máis de 40 horas de conferencias. Trátase da primeira edición cen por cen dixital do evento, e da oitava convocatoria da súa historia.
As xornadas arrincaron este luns 26 cun acto inaugural que contou coa presenza de representantes dos ámbitos empresarial, académico e institucional. Todas e todos coincidiron na relevancia que ten a dixitalización en calquera contexto histórico, e máis aínda no actual contexto de crise sanitaria que estamos a vivir. Segundo fixeron saber, cómpre aproveitar “as oportunidades da pandemia para impulsar sectores produtivos máis competitivos e xeradores de máis emprego de calidade”.
En paralelo ás máis de 40 horas de sesións técnicas de media hora de duración, nas que os fabricantes poderán presentar as principais novidades nos seus desenvolvementos, en colaboración con AER Automation e ISA Sección Española, as Digital JAI acollen, como novidade nesta convocatoria, catro mesas redondas nas que concorrerán destacados representantes da industria, tanto do ámbito da tecnoloxía industrial, como usuarios finais, que se centrarán en cuestións como a robótica, a automatización na industria da alimentación ou a ciberseguridade.
Organizadas polo Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática; a Escola de Enxeñaría Industrial e a Universidade de Vigo, as I Xornadas Dixitais sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial contan entre os seus socios con Beckhoff, Bonfiglioli, Bosch Rexroth, B&R, Delta, Endress+Hauser, Festo, HMS Networks, HP, IFM, Kepware (Logitek), KUKA Robots Ibérica y Lapp, OnRobot, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell Automation, SAS, Schneider Electric, Sick, Siemens, Universal Robots, WEG, Weidmüller, Yamaha e Yaskawa.
A apertura das xornadas foi unha defensa do espírito innovador
No acto inaugural das xornadas celebrado o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, incidiu na disposición da UVigo para participar na busca de novos xeitos de producir, un labor no que xunto ás empresas tractoras e centros tecnolóxicos “debemos aproveitar o impulso para reindustrializar a comarca e ser máis competitivos, para axudar par que a vida dos cidadáns sexa mellor, con máis emprego e de máis calidade”, dixo o reitor.
Pola súa banda, o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, gabou, como o resto de participantes na inauguración, o traballo desenvolvido por José Ignacio Armesto, director das JAI, das que destacou o seu valor “para a formación avanzada de estudantes e capacitación profesional e excelencia, así como a súa utilidade para as empresas da contorna, que teñen un elevado grao de automatización, así como para as e os investigadores”.
O director del Clúster Ibérico e da planta de Zaragoza de Groupe PSA, Juan Antonio Muñoz Codina, salientou que nesta crise sanitaria que estamos a vivir “a capacidade de adaptación vai marcar a diferenza. Adaptarse con axilidade e determinación ou desaparecer, esa é a cuestión a resolver”.
Pola súa banda, o director xeral de Denso Sistemas Térmicos e membro do padroado de CEAGA, Roberto Cavallo, destacou a capacidade de reacción da industria do sector da automoción nos últimos meses,” reforzándose o papel do motor da economía galega”.
Mentres, o director xeral do CTAG, Luis Moreno, sinalou á transición dixital como elemento fundamental na modernización do tecido produtivo. “Ese é o noso grande reto e tamén deberemos atraer novas actividades e impulsar novos mercados” dixo o director do CTAG, que reivindicou o papel dos centros tecnolóxicos para aproveitar o coñecemento desenvolvido.
O presidente de ASIME, Justo Sierra, referiuse á automatización como a un dos maiores avances da historia da humanidade durante o século XX, xunto coa análise da información a gran escala (o Big Data), a Internet das Cousas e a Intelixencia Artificial. “Estas ferramentas están chamadas en todas as organizacións en maior ou menor medida a completar e modificar a automatización tradicional”, dixo Sierra. Pola súa banda o director de AIMEN, Jesús Ángel Lago, lembrou o traballo que desde hai anos desenvolven na automatización e monitoraxe de procesos de fabricación en xeral.
Pola súa banda, o director do IGAPE (Fernando Guldrís); o delegado da Zona Franca de Vigo (David Regades) e a concelleira a Área de I+D do Concello de Vigo (Ana Mejías), foron os encargados de achegar na inauguración a perspectiva das administracións.

PUBLICIDADE