Unha ferramenta informática facilitará a elaboración dos horarios dos centros educativos galegos

luns, 6 de xuño do 2011 Redacción

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá a disposición dos centros educativos para o curso 2011/12 unha ferramenta de integración de XADE cos programas de xestións de horarios, Xade Horarios, o que facilitará a elaboración dos mesmos, evitando a introdución de datos duplicados tanto en XADE coma no xestor de horarios. Así o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad pon en marcha unha nova iniciativa para facilitar o traballo aos equipos directivos.
Xade Horarios permite descargar os datos de grupos, profesorado e materias da aplicación XADE para utilizalos en programas de xeración de horarios externos, como pode ser a ferramenta de software libre FET, que é a que xera propostas de combinación de horas de clase para conformar o horario final. Desta forma, non será necesario cargar de forma manual os datos no FET, senón que estes serán exportados de forma automática a través de Xade Horarios, o que significa un aforro de tempo para o persoal de colexios e institutos. Ademais, unha vez confeccionado o horario, tamén estará dispoñible en XADE, e sen necesidade de introducir a man os datos, a carga automática do mesmo.
Os formatos de intercambio de datos de horarios son públicos, de xeito que calquera ferramenta comercial poderá adaptarse aos mesmos e utilizar dita funcionalidade. Trátase dun programa desenvolvido en linguaxe Java, o que permite que poida instalarse e funcionar correctamente en calquera Sistema Operativo, grazas ao seu soporte multiplataforma.
O programa estará dispoñible nos vindeiros días para a súa descarga desde a páxina web do XADE, con instrucións de inicio concretas para os Sistemas Operativos máis empregados.
A integración co programa FET é un exemplo máis do esforzo da Consellería de Educación na promoción e uso do software libre no eido educativo. A ferramenta FET é unha das máis avanzadas en canto a xestión de horarios, de feito, dende a versión actual - Fet-5.14.5- o programa estará dispoñible en galego, ofrecendo a comunidade educativa da posibilidade de traballar cunha nova ferramenta con moitas posibilidades e completamente gratuíta.

PUBLICIDADE